Cristina Cid (BNG)

"Imos lograr representación do BNG por Ourense e un grupo galego en Madrid"

Cristina Cid
Cristina Cid, candidata número 1 do BNG ao Senado por Ourense.

—Até agora o BNG non logrou representación no Congreso e no Senado por Ourense. Con que perspectivas parten?
Eu penso que desta vai e, imos conseguir representación por Ourense e un grupo galego en Madrid porque o BNG está á alza. Neste momento, dáse unha gran sintonía entre o que a xente pensa e o que o BNG vén defendendo desde hai anos. A boa acollida das posicións do BNG vai verse referendada coa consecución dun gran grupo galego en Madrid.

—Moitas das políticas en materia de benestar continúan a depender do Goberno do Estado, entre elas unha parte das referidas á dependencia. Que alternativas formulan neste ámbito?
Á hora de analizar a situación da dependencia débese reparar no financiamento e na xestión. Sen financiamento non hai políticas públicas que se poidan pór en marcha e as transferencias do Estado non son suficientes nun país como o noso para a dependencia. É necesario un financiamento suficiente, que teña en conta as casuísticas concretas do noso país no referido á dispersión territorial e ao envellecemento, para poder prestar este servizo coa calidade que require.

—Sinala o escaso financiamento, pero como valora a xestión?
A Xunta da Galiza e o Estado español teñen responsabilidades partilladas na xestión da dependencia. Cómpre unha Administración áxil que dea resposta ás demandas da sociedade porque está sucedendo que as persoas non teñen garantidas as súas prestacións de dependencia e as valoracións das solicitudes fanse con tanto atraso que nalgúns casos son resoltas cando a solicitante xa morreu.

—Unha das cuestións chaves para a próxima lexislatura será o debate sobre o modelo de financiamento autonómico e local. Que medidas reclaman para favorecer o equilibrio territorial?
Conceptos como reto demográfico ou apoio ao mundo rural téñense convertido en meros discursos cando se observa cal é a participación nos tributos do Estado daqueles concellos con menos poboación. Ademais os municipios galegos reciben un menor financiamento que os do resto do Estado, tal e como ten denunciado en diversas ocasións a propia Federación Galega de Municipios e Provincias, sendo evidente a discriminación dos concellos galegos do interior con menor poboación.

Esta situación será dificilmente resolúbel mentres sexa o Estado quen decida como se repartan os fondos e non se acometa unha reforma do modelo de financiamento. Sen ir máis lonxe, no último exercicio, os fondos destinados ás comunidades autónomas incrementáronse en 10% e os dos concellos en 2%.