A independencia de Escocia e Catalunya, a debate en Compostela

O Consello da Cultura Galega acolle este mes o ciclo 'Desafíos políticos en Europa en 2014', no que tomarán parte relatores galegos, escoceses, cataláns e españois.

Móvense os marcos e cómpre atender aos seus efectos”. Baixo esta premisa, os procesos independentistas abertos en Catalunya e Escocia e nos que a propia cidadanía xoga un papel activo e protagonista serán obxecto de debate este mes no Consello da Cultura Galega, no ciclo 'Desafíos políticos en Europa en 2014'. Coordinado por Antón Baamonde, dentro da Sección de Pensamento e Sociedade do Consello da Cultura Galega, neste ciclo tomarán parte como relatores expertos e coñecedores dos procesos nacionais abertos en ambas as dúas nacións.

Entre os relatores figuran destacados expertos implicados neses procesos políticos como Michael Keating, catedrático de Políticas en Aberdeen (Escocia) e director de ESRC 'Scottish Centre on Constitutional Change' e Carles Viver Pi-Sunyer, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade Pompeu Fabra e presidente do Consell Assessor per a la Transició Nacional desde 2013.

O ciclo realizarase no Consello da Cultura Galega os días 13, 20, 25 e 27 de febreiro. 

Programa

O 13 de febreiro ás 17:00 h. , o catedrático da USC Luís Caramés falará sobre O estado e a crise económica actual. Pola súa banda, o profesor de Economía da Universidade de Vigo Albino Prada, falará sobre “Balance e perspectivas competitivas de Galiza na UE”. O 20 de febreiro é a quenda do catedrático de Políticas da Universidade de Aberdeen, Michael Keating, falará sobre “A independencia de Escocia”, actualmente ESRC Senior Fellow on the Future of the Uk and Scotland Programme e director do ESRC Scottish Centre on Constitutional Change. 

O 25 de febreiro ás 17:00 h. Carles Viver Pi-Sunyer, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade Pompeu Fabra, falará sobre “A consulta sobre o futuro político de Catalunya e o chamado “dereito a decidir”. O 27 de febreiro participarán Ramón Máiz, catedrático de Ciencia Política da USC, falando sobre “Cooperación e competición no federalismo contemporáneo” e Javier Pérez Royo, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Sevilla, para “Reformar a constitución, e agora que?”. 

É necesaria inscrición previa en www.consellodacultura.org, xa que o número de prazas é limitado.