O SNP é a forza máis votada en Escocia e o independentismo recunca escano en Gales

O SNP obtivo o 29% dos apoios e atinxiu 2 dos 6 deputad@s a elixir pola circunscrición escocesa. O Plaid Cymru mantén o seu eurodeputado en Gales. O UKIP logra representación por ambos os dous países.

O soberanismo escocés e galés segue a ter peso no panorama da política británica, como quedou de reflexo este domingo nas eleccións europeas. Nun escenario marcado pola forte irrupción do populismo de dereitas e anti-UE do UKIP, as forzas independentistas escocesas e galesas manteñen o seu espazo, algo importante sobre todo en Escocia, pois están a tres meses do referendo soberanista.

Escocia

Neste país o gobernante SNP atinxiu 2 dos 6 eurodeputados que se escollen nesa circunscrición. O independentismo tivo o 29% dos votos, no nivel dos que logrou hai cinco anos, na anterior cita europea. Son tres puntos máis que a segunda forza en Escocia, os Laboristas (25,9 por cento), que tamén obtiveron 2 escanos no Europarlamento.

O Partido Conservador (que goberna no Reino Unido) tamén logrou un deputado por Escocia a Estrasburgo. E entra o UKIP no caladeiro escocés, levando 1 escano.

Gales

En Cymru (Gales) elixían 4 escanos. O independentista Plaid Cymru logrou un deles, recuncando a deputada Jill Evans. Obtivo 111.864 votos, algo menos que hai cinco anos. Neste país a forza máis votada foi o Partido Laborista, con 206.000 sufraxios (1 escano). Mais a sorpresa é o UKIP, con 201.000 votos. Logra un representante. O cuarto en disputa foi para os conservadores.