Inés Rei pide "respectar os tempos" nas negociacións co BNG para formar goberno
A alcaldesa en funcións da Coruña, a socialista Inés Rei, pediu esta cuarta feira "máxima discreción" e "seriedade" no que atinxe aos contactos que o PSOE e o BNG iniciarán esta quinta para conformar o próximo goberno da cidade herculina. "Inícianse unhas conversas normais entre grupos e respectando os tempos que marcaban as organizacións políticas", explicou, a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno local.
Rei enmarcou o inicio desta rolda de contactos "dentro da normalidade democrática", ao tempo que salientou que "durante todos estes días" mantivo a "máxima discreción" porque se trata dun asunto que "hai que levalo con seriedade". "Vou seguir nesta liña até que haxa algo que comunicar", reiterou.
Pola súa parte, a cabeza visíbel do Bloque na Coruña, Francisco Jorquera, afirmaba esta segunda feira que "quen ten que dar o primeiro paso é o PSOE", pois Inés Rei, insistiu, "é quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa".
Esta mesma cuarta feira a formación nacionalista convocou a súa Asemblea Local para que a militancia avalíe os resultados electorais do pasado 28 de maio e o escenario que se abre após a cita coas urnas, da que saíu con catro escanos, dous máis que en 2019.
"A partir desa asemblea é cando se deberían iniciar os contactos. Mais o primeiro paso teno que dar o PSOE, pois é Inés Rei quen necesita os votos do BNG para ser investida alcaldesa", afirmou Jorquera a comezos desta semana.
A premisa da que parte o BNG para estabelecer esas conversas co PSOE é a "plena disposición" a que "a maioría progresista que se expresou nas urnas teña reflexo na escolla da Alcaldía".
Mais ao mesmo tempo, enfatizou, ao BNG, que aspira a ser unha "forza determinante" no Concello, "non lle valen catro anos máis do mesmo", pois "hai moitas cousas por corrixir e moitas cousas por mellorar".