CANGAS

Iria Malvido dimitirá esta quinta feira como tenente de alcaldesa tras dar positivo nun control de alcoholemia

A primeira tenente de alcaldesa de Cangas, Iria Malvido. (Foto: Concello de Cangas)

Malvido, á que o BNG expulsaría do Goberno se non o facía o PSOE, renunciará polo "profundo afecto" que ten polo municipio e polo partido

A primeira tenente de alcaldesa de Cangas (O Morrazo), Iria Malvido, dimitirá finalmente esta quinta feira como concelleira despois de que a pasada terza feira de madrugada dera positivo ao volante, superando o limiar do ilícito penal, nun control de alcoholemia realizado durante as Festas do Cristo.

Así o confirma o PSdeG-PSOE de Pontevedra a través dun comunicado recollido a última hora da cuarta feira, no que asegura que Malvido xa comunicou a súa decisión ao longo da tarde ao secretario provincial, David Regades.

De acordo con este comunicado, a socialista pide desculpas á cidadanía, asume a súa responsabiliade "sen escusas de ningún tipo" e comunica que renunciará a primeira hora da mañá sen esperar á decisión da Comisión de Ética e Garantías Federal do partido.

Esta cuarta feira, nun primeiro comunicado desde que transcenderon os feitos, xa pedira desculpas públicas e deuse de baixa do PSdeG-PSOE á espera do que determinase a Comisión de Ética de Ferraz, órgano competente ao tratarse dun ilícito penal. Con todo, nun principio ía continuar no Concello.

Posteriormente, pola tarde, o BNG de Cangas xa advertira que expulsaría a Malvido do Goberno —dirixido pola nacionalista Araceli Xestido, aínda que tamén está nel Esquerda Unida— se non era o PSOE o que, por iniciativa propia, substituía Malvido como primeira tenente de alcaldesa unha vez abandonara as filas socialistas.

Con todo, a última hora da cuarta feira, a propia edila anunciaba nun comunicado que abandona a Corporación tras un "grave erro na súa vida privada", polo "profundo afecto que teño por Cangas e polo meu partido".

Así mesmo, Malvido mostrou o seu agradecemento á veciñanza que a apoiou e "especialmente" ao PSdeG-PSOE (de feito, recibiu o apoio maioritario da executiva local). "É e será sempre o meu partido e ao que lle debo a honra de ser concelleira para traballar polo meu pobo", engade.

Recoñecemento de Regades

O secretario provincial, David Regades, agradeceu á tenente de alcaldesa o seu xesto e a súa "madurez política e persoal tras unha equivocación", á vez que valorou a "dedicación e o gran traballo desempeñado durante este case ano e medio" como 'número dous' do Goberno cangués.

O líder dos socialistas pontevedreses recalca que o partido non só exixe exemplaridade aos cargos públicos, "senón que a practica en primeira persoa por doloroso que sexa".

Malvido espera que a súa dimisión "sexa un gran de area para defender esa política con maiúsculas" que di "sempre" reivindicou: "Cometín un erro grave e asumo as consecuencias persoais e tamén as políticas".