18-F

Izquierda por Almería anuncia que se presenta ás eleccións galegas

Juan Andrés Ruiz, líder de Izquierda por Almería, á esquerda da foto. (Foto: Europa Press)

A formación avanzou este domingo que concorrerá aos comicios do próximo 18 de febreiro pola circunscrición de Lugo, ao ser esta a que require menos membros para integrar a lista -14 máis suplentes-.

Izquierda por Almería concorrerá ás eleccions galegas. Así o trasladou, en declaracións a Europa Press, o responsábel da formación andaluza, Juan Andrés Ruiz López, que manifestou a vontade do partido de "darse a coñecer" nos comicios galegos.

Creado en 2010, Izquierda por Almería ten vocación de partido de carácter "estatal", como indicou Ruiz López, quen apuntou que a decisión de presentarse unicamente en Lugo corresponde a que esta é, xunto a Ourense, a circunscrición que require menos membros para integrar a lista (14 máis suplentes).

Tras concorrer ás últimas eleccións autonómicas en Andalucía e non poder facelo nas xerais de xullo por falta de avais, a intención de Izquierda por Almería é tamén rexistrar candidatura nas europeas, así como nas vascas que deben realizarse este ano.

O 10 de xaneiro comeza o prazo para presentar candidaturas para os comicios do 18-F, o cal conclúe o 15 de xaneiro. O DOG e os boletíns oficiais provinciais publicarán as candidaturas o 17 de xaneiro e quedarán proclamadas o 22.

Xa o 2 de febreiro comezará oficialmente a campaña electoral que desembocará na cita coas urnas o 18 de febreiro. O día anterior será a xornada de reflexión.