Eleccións Europeas 9-X

Izquierda Castellana pide o voto nas europeas para o BNG

Ana Pontón e Ana miranda (Foto: Nós Diario).
"A persoa que encabeza a candidatura, Ana Miranda, sempre tivo unha actitude de apoio cara á nosa organización", salienta a organización.

Izquierda Castellana fixo esta cuarta feira un chamamento a votar á candidatura do BNG nas eleccións europeas, encabezada por Ana Miranda. A formación castelá especificou que a candidatura está integrada na coalición denominada Agora Repúblicas, na que, ademais do BNG, "participan outras forzas de diferentes pobos do Estado español".

"Cremos que o BNG é a forza de entre as actualmente existentes que mantén unhas posicións o máis próximas a un proceso rupturista e republicano no Estado español, así como á defensa dun proxecto europeo ao servizo dos pobos", explican desde Izquierda Castellana.

Por outra parte, sinalan, "a persoa que encabeza a candidatura, Ana Miranda, sempre tivo unha actitude de apoio cara á nosa organización e de solidariedade coa nosa militancia cando fomos acosados e acosadas pola represión policial e xudicial do Estado español".

"En absoluto consideramos que estas eleccións vaian incidir para nada na evolución estratéxica da Unión Europea, que está xa perfectamente definida, e en todo caso o seu futuro decídese en instancias que non se elixen en procesos electorais, mais consideramos de interese que a candidatura do BNG obteña os mellores resultados posíbeis", conclúe esta organización no seu comunicado.

Agradecemento desde o BNG

"Moitas grazas polo voso apoio e polas vosas palabras", contestou o BNG ao comunicado realizado por Izquierda Castellana esta cuarta feira. "Moitísimas grazas polo voso apoio. Os Pobos xuntos na loita social", acrecentou Ana Miranda a través das súas redes sociais.