RECORTES SOCIAIS

Jorquera advirte que Feijóo aplicará na Galiza os recortes sociais fixados desde Madrid

O voceiro do BNG no Congreso e candidato á Xunta pola formación frontista considera que existe aínda marxe para a elaboración doutro tipo de políticas que non compromentan os servizos públicos

O titular da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, "mente" cando di que non vai aplicar no país os recortes impostos desde o Goberno español. Así o considerou o voceiro do BNG no Congreso e candidato á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, nunha entrevista en que lembrou a tesoirada prevista en Educación e Sanidade, nomeadamente a suba das taxas universitarias, e o re-pago dos medicamentos e do transporte sanitario.

Na conversa, mantida nunha emisora de radio, Jorquera afirmou que "é moi difícil" crer na palabra do titular do Executivo galego ollando a traxectoria dos últimos tres anos, polo que entende que fará seus os recortes artellados desde Madrid "sen ningún tipo de cuestionamento".

O candidato nacionalista asegurou que todo este tipo de medidas, a obsesión polo gasto público e polo déficit cero só van traer consigo máis precarización dos servizos públicos, van agravar a crise, alongar no tempo a recesión e incrementar o paro, “e os datos da EPA coñecidos o pasado venres son ben elocuentes, pondo de manifesto que as previsións do propio goberno, de pechar 2012 con 6 millóns 300 mil parados van verse desbordadas”.

Para Jorquera, si hai marxe para tentar equilibrar as contas sen comprometeren as políticas públicas básicas e sen provocar desequilibrios, e iso pasa por medidas como as que propón o BNG, como unha reforma fiscal integral, que acabe co inxusto sistema impositivo do Estado.

Neste sentido, reiterou o seu rexeitamento ao anuncio da suba do IVE para 2013, non só porque se trata dun novo incumprimento do goberno, senón porque é unha medida contraproducente, xa que dificilmente se vai poder recuperar o consumo se este se penaliza, e porque os impostos indirectos son inxustos, xa que non discriminan en función da renda. “É inconcebíbel que se suba o IVE mentres se declara unha amnistía fiscal para os defraudadores”, valorou Jorquera.

Orzamentos "inflados"
Sobre os orzamentos do Estado, o voceiro do BNG no Congreso asegurou que hai “trampa” no que respecta ás partidas destinadas a Galiza, nomeadamente para rematar o proxecto da alta velocidade a Galiza. Explicou que as contas están infladas como pura propaganda “para quedar ben con Galiza” e así camuflaren outros moitos asuntos vitais para o desenvolvemento do País que fican desatendidos nas previsións do goberno, como a rede ferroviaria convencional, o saneamento das rías ou o dique flotante en Ferrol.

Jorquera lamentou a posición de CIU sobre o investimento na alta velocidade a Galiza e asegurou que mesmo coas cifras infladas segue sendo maior a partida destinada ao corredor mediterráneo. “Ademais, o problema non é que os orzamentos beneficien a Galiza, pois é unha comunidade que durante décadas foi marxinada respecto doutros territorios, así que o lóxico sería que si saíse favorecida nas contas do Estado, mais non é así”.

Eleccións autonómicas
Ante a proximidade das vindeiras eleccións autonómicas e a posibilidade de que concorra unha nova formación nacionalista, con parte das persoas escindidas do BNG, Jorquera respostou que a súa prioridade é defender políticas alternativas ao PP, ser garante dun cambio en Galiza, “o noso rival vai ser o PP”.

O candidato nacionalista alertou sobre o interese do Partido Popular e dos medios afíns, nomeadamente os medios públicos, por ofrecer unha imaxe da oposición fragmentada e dividida, “como forma de poder reter o PP unha maioría absoluta que nestes momentos ve que pode perigar porque se comeza a percibir o descontento da sociedade”.