Novo exercicio de escapismo político de Feijóo no Parlamento na sesión de control

Jorquera, no Pleno do Parlamento

Atribúse ao chefe de imprensa de Kennedy a frase de "vosté pergúnteme o que queira, que eu lle contestarei o que dea a gaña". Kennedy alicerzou sobre ela a súa carreira política. Feijóo, orfo do carisma do lendario presidente dos EUA baleado en Dallas, aplica, porén, a frase kennedyana. Xa pode perguntar o que queira a oposición: el non se sae do seu guión.

 

Durante o Pleno do Parlamento, o voceiro parlamentar do BNG acusou o presidente da Xunta da mala situación do país co aumento do desemprego e a corrupción como argumentos. AGE acusou ao goberno de “violencia” social.

O deterioro de Galiza. Esa foi a cuestión que tratou o voceiro parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, na sesión de control ao presidente da Xunta, diante do que o nacionalista lembrou os datos do desemprego: “Aumenta en Galiza por terceiro mes consecutivo namentres que no Estado baixou en novembro”. “Con vostede como presidente, Galiza perdeu tres cotizantes por cada novo pensionista”, remarcou Jorquera, que tamén acusou a Feijóo de “lavar as mans, matar ao mensaxeiro e facer política de aparencias”, ademais de relacionalo coa “corrupción” por exemplo na provincia de Ourense. Feijóo respondeu con datos económicos, obviando o preguntado, e prometeu que o funcionariado recuperará as pagas extra que lle quitaron. 

No resto do Pleno, a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz, acusou á Xunta de ser responsábel da existencia de “650.000 persoas na pobreza e 18.000 familias na desnutrición”. Feijóo respondeu con críticas ás últimas declaracións de Xosé Manuel Beiras, que cualificou de “violentas” (afirmaba o líder de Anova que se lle debería “partir a cara” ao presidente do goberno galego. Díaz retrucou: “Violencia é que haxa nenos e nenas que pasan fame ou familias sen vivendas”