Juan Carlos Aladro, novo conselleiro maior de Contas por unanimidade
Juan Carlos Aladro Fernández foi elixido esta sexta feira por unanimidade como novo conselleiro maior do Consello de Contas, nun pleno extraordinario decorrido no Parlamento galego. A elección de Aladro, que se produce tras a proposta do grupo popular, contou co apoio dos 75 deputados e deputadas da Cámara.
Deste modo, Aladro substitúe como conselleiro maior de Contas José Antonio Redondo López, que esgotou o seu mandato por razóns de idade —72 anos—. O pasado 18 de xullo, Juan Carlos Aladro Fernández xa comparecera no Parlamento, onde defendeu como "determinante" o papel que pode ter o ente fiscalizador na loita contra a corrupción e, polo tanto, contra a "desconfianza" que asume que a cidadanía presenta ante as institucións.
Traxectoria
Aladro Fernández é licenciado en dereito pola Universidade de León e diplomado en Criminoloxía pola USC. Foi fiscal xefe provincial de Pontevedra desde novembro de 2007 até 2023. Con anterioridade, desenvolveu funcións de fiscal do destacamento de Vigo e de Cambados, así como avogado fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra.
Foi docente na Escola de Práctica Xurídica Concepción Arenal do Colexio de Avogados de Vigo, na Escola Galega de Seguridade e foi director da Escola de Verán do Ministerio Fiscal en Mariñán. Tamén realizou multitude de publicacións e relatorios.
E é, por último, posuidor da Cruz Distinguida de 1ª clase de San Raimundo de Peñafort, da Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco e da Cruz ao Mérito da Garda Civil.