Juárez impide a comparecencia no Parlamento dos máximos responsábeis de Tráfico na Galiza

O delegado do goberno non permite que acudan á Comisión na que se estuda como mellorar a seguridade viaria pola “súa condición de funcionarios da  Administración Xeral do Estado”. O BNG cualifica de ''grave'' a actitude de Samuel Juárez, ''que si tempo para organizar cargas contra mariñeiros''.

O delegado do goberno español en Galiza impide a comparecencia no Parlamento de Galiza dos máximos responsábeis da Garda Civil de Tráfico na Galiza. Samuel Juárez, nunha carta remitida á presidente da Cámara galega, confirma que a xefa provincial de Tráfico da Garda Civil en Galiza e o Tenente Coronel, responsábel da Agrupación de tráfico, non comparecerán o vindeiro día 24 na Comisión de Seguridade viaria pola “súa condición de funcionarios da  Administración Xeral do Estado”.

Ana Pontón lamentou que Juárez “teña tempo para organizar cargas contra os mariñeiros do cerco” e impida a comparecencia dos responsábeis de Tráfico

Non é o único impedimento que se está a poñer nas comparecencias na comisión que procura mellorar a seguridade viaria de Galiza. Así, esta segunda feira tiña que comparecer na comisión o xefe de Demarcación de Estradas do Estado en Galiza. Non o fixo. Nunha carta remitida ao parlamento galego indícase que a súa actividade, como Xefe da Demarcación circunscríbese ás infraestruturas viarias do ámbito da Rede de estradas do Estado en Galiza.

 Actitude “intolerábel”

Ana Pontón, deputada do BNG, cualificou de “grave” e “intolerábel” a actitude do delegado do goberno español. Lamentou, dixo, que “teña tempo para organizar cargas contra os mariñeiros do cerco” e impida a comparecencia dos responsábeis de Tráfico nunha comisión destinada a mellorar a seguridade viaria no noso País.