OPERACIÓN POKÉMON

De Lara investiga se o ex-xefe de gabinete do goberno do PP en Compostela fixo de 'conseguidor' con conselleiros de Feijóo

Ángel Espadas afirma que mantivo xuntanzas co vice-presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

A xuíza Pilar de Lara investiga se as empresas OHL e Unika recibiron contratos da administración por mor da mediación feita polo ex-xefe de gabinente do Concello de Compostela no goberno do PP, Ángel Espadas, segundo informa a Cadena Ser, que accedeu a un auto no que De Lara autoriza o Servizo de vixiancia aduaneira (SVA) a rastrexar as bases de datos da axencia tributaria e da seguridade social da Unika. Para o SVA, Espadas tería actuado como “conseguidor” destas empresas. De Lara quere saber se a mediación de Espadas permitiu a UNIKA lograr varios contratos, como a segunda fase da estrutura do parador de turismo de Muxía, reformas no hostal dos Reis Católicos en Compostela e a rehabilitación de naves de Urovesa. Unha obra pola que Conde Roa, segundo Espadas, tería pedido un porcentaxe.

O informe deste organismo reproduce conversas telefónicas entre Espadas e o empresario nas que se fan referencias a contactos, xuntanzas e chamadas durante o ano 2012 con conselleiros e ex-conselleiros da Xunta, mesmo co vicepresidente, Alfonso Rueda, que lle solicitou que fose discreto nas súas novas actividades.