“DEFENDERMOS UNHA GALIZA SOBERANA é SERMOS REALISTAS”

Convocan a lectura dun manifesto pola independencia perante o Parlamento no ‘Día da Constitución’

As persoas asinantes chaman á “ apertura dun proceso constituínte galego” e advirten que “as expectativas dun futuro mellor non van chegar do exterior”.

 

Unha serie de persoas, en réxime de auto-convocatoria chaman a unha lectura pública no ‘Dia da Constitución’ (6 de decembro) e perante o Parlamento de Galiza dun manifesto a favor da independencia de Galiza. O acto está previsto para as 12:30 horas para non interferir con outras convocatorias da xornada. No texto, ao que aquel que quixer pode se adherir aquí, afírmase que o 6 de decembro “na Galiza non temos nada que celebrar”, pois a Carta Magna de 1978 “instaurou o réxime que padecemos”.

Salienta, así, que a Constitución Española (CE) está directamente “relacionada con todas as fendas sociais”, foi e e o marco “legal idóneo para limitar dereitos e liberdades” e permitiu que se artellase “as salvaxes políticas que padecemos e xeran desigualdades”.

Segunda Transición

No manifesto apontan a que o réxime estaría a preparar unha segunda transición perante o incremento a insatisfación popular e das reivindicacións nacionais de Catalunya. “É preciso combater esa fraude que preparan os partidos do rexime”, din. E engaden que “non queremos nin nos corresponde a nós avogar pola reforma da CE”, sinalando que “as expectativas dun futuro mellor non van chegar do exterior”.

“Defendermos unha Galiza soberana é sermos realistas”

No manifesto defenden a soberanía de Galiza como unha aposta “realista”: “Sen unha Galiza capaz de decidir sobre o seu, será imposíbel revertemos o itinerario que España e a Unión Europea están a impornos. Porque hoxe as decisións que afectan as nosas vidas se toman lonxe e en beneficio de intereses concretos”. Conclúen cunha aposta pola “ruptura democrática e a apertura dun proceso constituinte galego é a única estratexia posíbel para non desaparecermos como nación”

O manifesto está asinado por persoas a título individual. Hai desde militantes en diferentes organizacións políticas, sindicais e sociais do soberanismo até veciñ@s sen filiación algunha, pasando por nomes coñecidos do mundo da cultura galega.