Leiceaga aposta nunha nova lei galega do audiovisual

Leiceaga, coa Academia Galega do Audiovisual

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, sostivo esta segunda feira un encontro cunha representación da directiva Academia Galega do Audiovisual, á que deu traslado das propostas da formación socialdemócrata en relación a este sector da industria galega.

Leiceaga propón, en concreto, unha nova Lei do Audiovisual que sexa froito do "diálogo" coas profesionais e os profesionais e que vise como obxectivo pór as condicións que permitan incrementar nun 20% os postos de traballo no sector.

O candidado do PSdeG puxo o acento na necesidade de modernizar unha lei, a galega, que xa ten 17 anos, con vistas a súa adaptación "á situación actual dun sector no que a modernización tecnolóxica é constante", sendo que "agora temos novos medios de difusión dos contidos e novas categorías profesionais", alegou.

A actual lei do audiovisual xa ten 17 anos

Considera Leiceaga necesario "potenciar os creadores xóvenes" e recuperar "as axudas, através dunha liña de  financiamento, para producións audiovisuais". "Temos que involucrar o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras, para o que é necesaria a implicación da Xunta", acrecentou.