O líder dos recortes en Francia fai campaña co PSOE

valls

Manuel Valls, o primeiro ministro francés, coñecido por declaracións achegadas á xenofobia e que vén de teimar nos recortes sociais no seu país, comparte acto co PSOE catalán, que segue perdendo apoios.

O primeiro ministro francés, Manuel Valls, intervirá no acto central da campaña das eleccións europeas que farán os socialistas cataláns en Barcelona o vindeiro mércores 21 de maio, segundo informaron fontes da organización, que segundo as enquisas segue perdendo apoio pola súa negativa a acompañar o proceso de autodeterminación catalán, así como por teimar en políticas neoliberais que denominan "socialdemócratas". De feito, o reclamo electoral de Valls lembra tanto ás súas declaracións a prol da expulsión de ciganos de Francia e de poñer límites á migración -para competir no espazo electoral de Le Pen- como os recortes socias que implementou ás poucas horas de entrar no Goberno de París.

No anunciado mitin, tomarán a palabra o candidato á presidencia do Parlamento Europeo, Martin Schulz, a cabeza de lista do PSOE ás eleccións europeas, Elena Valenciano, e o expresidente do Goberno español entre 1982 e 1996, Felipe González, dende hai anos conselleiro dunha multinacional eléctrica.

Tamén se dirixirán ao público o primeiro secretario do PSC, Pere Navarro, a número 2 na candidatura d@s socialistas cataláns ao Parlamento Europeo, Esther Niubó, e o cabeza de lista que representa ao PSC, Javi López, nun acto que se fará no polideportivo da Vall d'Hebron, ante aforo limitado.