A dirección de En Marea non se escollerá por listas abertas

O liderado de Villares divide En Marea

Luís Villares

Arranca o proceso asembleario de En Marea. O vindeiro sábado 17 de decembro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, vaise realizar a primeira parte da asemblea da  organización, que terá continuidade na terceira semana do mes de xaneiro coa elección do seu Consello, máximo órgano de dirección da forza política. 

Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, as razóns que explicarían a realización do proceso en dúas quendas -o Plenario do 17D e a escolla do Consello da Marea en xaneiro- están directamente ligadas ás diverxencias que se viven entre as forzas políticas que conforman o espazo político da confluencia e a conseguinte necesidade de gañar tempo para ver de achegar posturas entre elas. Porén, segundo estas mesmas fontes, a razón do calendario asembleario está vinculada  fundamentalmente ao debate que enfronta a Podemos a nivel de Estado, xa que as conclusións e as decisións do mesmo serán determinantes para o rumbo que vai seguir En Marea, dado o carácter hexemónico da formación morada na organización.

Os relatorios para o debate do plenario do 17 de decembro non deixan dúbida algunha da fenda aberta entre as diferentes partes de En Marea, situándose o núcleo do conflito no mecanismo de escolla da futura dirección, na medida que o procedemento vai determinar a súa composición e mesmo a posibilidade de que Luís Villares poida liderar organicamente, ou non, esta forza política. Así, unha das dúas propostas a debate, en concreto no que ten a ver co regulamento, pretende impedir que poidan concorrer á elección da dirección de En Marea as persoas que ostentan cargos parlamentares, fixando tamén unha incompatibilidade entre ser membro do Consello da Marea e facer parte da dirección dunha das forzas políticas que conforman a confluencia. A mesma proposta determina que os únicos membros do grupo parlamentario en Madrid ou en Compostela que formarían parte con voz e voto no Consello de En Marea serían os portavoces, en tanto mantivesen esta representación institucional. Xa que logo, no caso de aprobarse o sábado 17 esta proposta, Luís Villares non podería concorrer como candidato ás eleccións internas de En Marea. 

Un sector de En Marea tenciona aplicar a Luís Villares o réxime de incompatibilidades, de xeito que non se poda apresentar como candidato e ser votado directamente polas persoas inscritas

Na parte do regulamento referido ao sistema de elección no que si hai acordo é naquela no que se opta pola proporcionalidade pura para a elección dos órganos de dirección, o que implica rexeitar o sistema de escolla polo procedemento de listas abertas, cuestión que até o momento fora cabalo de batalla da “nova política” como modelo da pureza democrática dun proceso.

Sexa cal for o regulamento aprobado, Luís Villares terá moitas dificultades para ser elixido como máximo responsábel orgánico de En Marea. A oposición contra o de Lugo, conformada arredor da militancia de Podemos, da Marea Atlántica, de Esquerda Unida, e tamén de sectores minoritario de Anova, aumenta a medida que se achega o proceso de elección da dirección. Así, o pasado 11 de decembro, Xulio Ferreiro, nunha entrevista en Radio Coruña da Cadea Ser, afirmaba que “establecer un liderado clásico e unilateral para En Marea pode supoñer perder a xente que se mobilizou despois 15 M”, deixando clara a súa negativa a que a portavocía parlamentaria e a portavocía orgánica de En Marea recaian nunha mesma persoa. Esta  posición do Alcalde da Coruña, foi partillada e feita súa  nas redes sociais por destacados dirixentes da organización como Antón Gómez Reino “Toné”, dirixente de Podemos e deputado no Congreso, Rubén Pérez Correa, secretario de organización de Esquerda Unida e portavoz municipal da Marea de Vigo, ou a Coordinadora de Esquerda Unida en Galiza Iolanda Díaz.  A estas alturas fica claro que o papel que se arrogou Villares publicamente, como persoa de consenso entre as partes para posibilitar unha lista de consenso entre as diferentes familias, nunca deixou de ser unha ilusión.

O documento político, sometido ao debate e á votación do plenario do 17 de decembro, tampouco recolle o eixo central da proposta de Villares. O candidato da converxencia á presidencia da Xunta de Galiza anunciou e explicou este proceso asemblear como a reformulación e a refundación do espazo de En Marea, concretado na creación dunha organización política nova en base a disolución das organizacións existentes, porén nada disto aparece nos textos a debate. Así e todo, non debe estrañarnos este feito, posto que como xa indicaramos en anteriores artigos, a oposición a esta proposta era maioritaria en Podemos e Esquerda Unida, téndose sumado a esta liña nos últimos tempos tanto Cerna, que con anterioridade tiña anunciado que non tiña vocación de permanencia, como Anova. A ausencia de discrepancias e posicións diverxentes no relatorio político evidencia que  o debate ideolóxico ocupa un lugar  secundario nesta asemblea, destacando o alto grao de coincidencia á hora de analizar o problema territorial do estado e a cuestión nacional galega, aspecto que só ocupa unhas poucas liñas no documento. A este respecto, En Marea asume no básico a visión de Podemos sobre o dereito a decidir.

Anova debateu na súa conferencia nacional a súa disolución ou continuidade como organización

As forzas políticas que conforman En Marea, desenvolven ao tempo, os seus propios procesos congresuais. Se ben  a atención mediática esta centrada na asemblea estatal de Podemos, de cuxo capítulo galego nos temos ocupado, o sábado 10 de Decembro era Anova quen celebraba, coa presenza de arredor de 100 militantes, a súa conferencia nacional. A formación, aínda liderada por Xosé Manuel Beiras, debate a súa disolución ou continuidade como organización, sometida á dupla variábel que xorde da conformación dun novo liderado, unha vez que Beiras abandona a escena pública, e a constitución do espazo político que resulte do proceso de En Marea. A pluralidade de opinións ao respecto e a falta de claridade no panorama político levaron a esta organización a adiar para os próximos meses a decisión definitiva. Un debate semellante, esta a vivilo o Colectivo Cerna, organización que ten en Mario López Rico, Luís Eyre e Paula Verao as súas referencias publicas. Así as cousas, sectores consultados por Sermos Galiza, “lamentan a descomposición que está a vivir o espazo político no seu momento conformado arredor do Foro Galego, que leva sen reunirse desde antes das eleccións autonómicas, o que está a fortalecer aínda máis no mundo da Marea as posicións de Podemos e de Esquerda Unida”.