Lidia Senra propón unha carta de dereitos lingüísticos de obrigado cumprimento en Europa

A candidata presentou un decálogo sobre o galego acompañada do escritor Antón Dobao, o deputado Xabier Ron e xentes da cultura. Conciben o galego como ''unha língua para a unión''.

“A Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias é un punto de partida para que haxa unha carta de dereitos lingüísticos de obrigado cumprimento en Europa”. Esa é a ferramenta que Lidia Senra propuxo para defender os dereitos das falantes de galego en Europa, no Estado e mais na propia Galiza. “É fundamental traballar no marco comunitario para que haxa un recoñecemento oficial da nosa lingua”, engadiu.

Senra, acompañada polo escritor Antón Dobao e mais polo deputado de AGE no Parlamento de Galicia Xabier Ron, presentou o decálogo Unha Lingua para a Unión!, manifesto programático que se marca como obxectivos “a igualdade real de dereitos” para os e as utentes de galego. “Non quero que ningunha nena nin neno teña que sufrir nunca máis o que eu sufrín aos dez anos, cando marchei da aldea para a vila e eramos alcumados de paletos por falar en galego”, expuxo.

Para Antón Dobao explicou que Unha Lingua para a Unión! tamén procura celebrar o Día das Letras “de xeito reivindicativo”. “Queremos unha lingua normalizada en todos os ámbitos e para a relación de todas e todos nós co mundo”, afirmou. Entre os e as presentes no acto, o escritor Xosé Sánchez Abella, o músico Abe Rábade, o politólogo Xaime Subiela, o filólogo e académico Xosé Luís Regueira e o profesor Xosé María Dobarro.