López Rico alerta que Anova pode ''acabar de Izquierda Federal del Noroeste''

Mario López Rico

O histórico 'beirista' considera nunha entrevista en La Voz de Galicia que Xosé Manuel Beiras ''non calculou ben'' as consecuencias de apostar no referendo en ir con IU ás europeas. ''Deixa moi tocado o proxecto orixinario de Anova''.

 

Mario López Rico é 'beirista' desde hai décadas. Definición que abrangue sintonía política e amizade persoal. Este sábado o ex-integrante da Permanente de Anova (da que demitiu con 9 compañeiros tras gañar no referendo a opción de ir con IU ás europeas) opina nunha entrevista en La Voz de Galicia sobre a situación de Anova-Irmandade Nacionalista.

López Rico fai súa a preocupación que existe en certo sector da formación de que Anova acabe “fagocitada” por IU. “Beiras cometeu un erro (en referencia a se decantar por ir con IU ás europeas) e o problema de Anova é que acabe sendo la izquierda federal del noroeste. A maioría de Anova non está por iso”. Na entrevista, mesmo apunta que a opción escollida na consulta “deixa moi tocado ao proxecto orixinario” da Irmandade Nacionalista. Iso si, adianta que “perder unha batalla non é perder a guerra” e que queren “rexenerar o proxecto orixinario”.

''Creo que a Martiño (Noriega) non lle contaron ben o conto dos cabritiños. Segue pensando que cando o lobo mete a pata enfariñada por debaixo da porta é da nai cabra, cando é do PCE''

A candidatura ás europeas non é, sostén Mario López Rico, un pacto entre iguais, senón “que se di ti vas aquí”. Mais o que el considera preocupante é que se estea nun escenario no que “Anova se pode xogar a súa existencia”. Como xa dixera Luis Eyré, 'Palleiro', tamén dimisionario da Permanente, nunha entrevista en Voz TV, a escolla de ir en IU á cita as europeas non é a 'Fronte Ampla' que, sosteñen, está no cerne programático de Anova. López afirma, neste punto, que “o BNG e IU son os responsables de que non saíra adiante a fronte ampla. O BNG tivo unha actitude sectaria, non quixo sentarse con IU, cos españolistas. Pero IU tampouco lle deu autonomía a EU. E IU non lle deixou a EU demostrar que era unha forza galega e poder chegar a acordos previos en Galiza".

“IU non lle deixou a EU demostrar que era unha forza galega e poder chegar a acordos previos en Galiza”

Na entrevista tamén critica á FPG (“As comparacións que se fan ao respecto do que facía a UPG no BNG pois tamén o pretenden aquí") e rexeita a “predenominación” de Lidia Senra para ocupar o posto de Anova na candidatura de IU pois, entende, a persoa que se designe ten que ser eleita pola militancia.