Lores preséntase á reelección para confirmar Pontevedra como "cidade alternativa"

Lores

O alcalde do BNG asegura que buscará un quinto mandato logo de que "moita xente pola rúa ou nas asembleas abertas" llo pedise e avanza que a súa lista mesturará "experiencia con caras novas". 

 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou a súa candidatura á reelección nas próximas eleccións municipais porque está "convencido de que quedan moitas cousas por facer" e mostrouse "ilusionado" ante o obxectivo de "dar un salto adiante no próximo mandato" para facer de Pontevedra unha cidade "alternativa" e ser un "referente en calidade de vida, dinamismo e cohesión social".

Lores volverá encabezar a lista do BNG, que avanzou que está "moi avanzada" e que "en menos de 15 días" dará a coñecer algunhas das "caras novas" que o acompañarán "en postos de saída".

O candidato nacionalista dixo que será unha "mestura entre a necesaria continuidade e coñecemento pero tamén haberá caras novas para renovar e ampliar perspectivas".

Fernández Lores defendeu a súa aspiración a un quinto mandato pola "petición unánime" dos seus compañeiros no Bloque, así como de "moita xente pola rúa", ademais do público asistente ás asembleas abertas que está a organizar a formación nacionalista.