Lores renuncia ao seu salario como alcalde de Pontevedra ao facer 70 anos e xubilarse como médico

Miguel Anxo Fernández Lores, nun pleno municipal. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
O nacionalista é o alcalde urbano máis veterano da Galiza.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), renunciou nos últimos días ao seu soldo duns 74.000 euros anuais do Concello, tras facer 70 anos e xubilarse oficialmente como médico do Sergas.

Segundo confirman a Europa Press fontes da Alcaldía, Fernández Lores tomou a decisión de renunciar á súa dedicación exclusiva despois de alcanzar a pasada sexta feira, 7 de xuño, a idade máxima coa que se poden retirar os médicos.

Agora pasará a cobrar como pensionista, ao que se sumarán as correspondentes indemnizacións por asistencia ao pleno municipal e ás comisións, como o resto de edís da corporación, así como ás xuntas de goberno local semanais.

Fernández Lores é o alcalde urbano máis veterano da Galiza ao levar no cargo 25 anos, desde 1999. O pasado ano, a pesar de pasar a ser segunda forza fronte ao PP nas eleccións, puido ser investido por sétima vez como rexedor ao sumar os votos dos cinco concelleiros socialistas.