Lugo, nin a 30

A Ronda da Muralla de Lugo

O goberno de Lugo segue pagando grandes cantidades de diñeiro a empresas involucradas no Caso Pokemon por contratos xa caducados.

O Concello de Lugo implantou a prohibición de circular a máis de 30 quilómetros por hora na Ronda da Muralla coa intención de facilitar a convivencia entre coches e bicicletas. Os máis optimistas eloxiaron a medida ao entender que podería revisar o costume dos condutores de utilizar esta ruta como circunvalación ou mesmo ven a iniciativa como un paso previo á peonalización da contorna do monumento romano. A actuación ten as súas vantaxes, derivadas dun menor ruído e menores vibracións do tráfico rodado sobre a muralla, un tema do que nunca se fala, como se fose tabú, a pesar do detallado plan técnico de conservación que ten este, como se os niños das aves fosen máis perigosos que os vehículos pesados para a saúde deste ben declarado Patrimonio da Humanidade. Outros, co leite máis reseso, interpretaron esta actuación como un achegamento ao BNG, impulsor da iniciativa, para a aprobación dos orzamentos municipais, un trámite que semella ser unha misión imposíbel.

A limitación de velocidade e a creación dun hipotético carril de preferencia para as bicis na Ronda non está exenta de problemas. Aínda que supón un paso adiante, case o único en dous anos de mandato municipal e por iniciativa da oposición, será moi difícil que calle entre a veciñanza, entre outras cousas, porque no goberno de Lugo falta un modelo de cidade. As medidas de potenciación do centro histórico, cuxa crise demográfica é similar á de calquera pobo do interior, son iniciativas illadas. Só a hostalería e algúns comercios manteñen con vida a zona vella lucense. Lugo e Pontevedra comezaron case á vez co plan Urban, pero de pouco serviu que o entón alcalde lucense, Joaquín García Díez, lle petase na mesa a Fraga e ameazase con dimitir se non lle concedían este programa europeo encamiñado á rehabilitación que naquel entón acababa de ser aprobado para a cidade do Lérez. A construción do auditorio nunhas masas comunais de Acea de Olga, a falta de uso para algunhas dotacións do casco histórico, como o cuartel de San Fernando, constitúe un claro exemplo da falta dun programa definido para a revitalización do casco histórico.

Á ausencia dun modelo de cidade sumáselle nesta lexislatura o caos da xestión no día a día. Os gobernantes desa Casa de Pousafoles que é o concello nin sequera pisan ovos, senón que os rompen todos. Os reiterados fracasos de aplicar un novo modelo de Ora, despois da suspensión xudicial da concesión a Doal, unha firma do grupo Vendex, investigado pola Operación Pokemon, ou de proceder a súa remunicipalización quedaron en nada. Cechalva, outra empresa do grupo Vendex, saca pingües beneficios do contrato de grúa, que está caducado desde novembro de 2015, cobrando do Concello medio millón de euros ao ano pola retirada de menos de 2,5 coches ao día no 2016. Autobuses, auga, lixo e grúa son outros servizos con contratos sangrantes e que causan graves perdas. Só a potabilización da auga e o saneamento, tamén en mans da xestión indirecta, deixan aos lucenses un déficit de 9.000 euros diarios, multiplicándose o custo do servizo de bus ao tempo que caen os usuarios e aumentan os problemas polas supostas redefinicións de novas rotas que nunca se concretan en liñas operativas

Á ausencia dun modelo de cidade sumáselle nesta lexislatura o caos da xestión no día a día

A cousa non está para tirar foguetes, pero, como se fose un milagre deses que só existen na política, o Concello de Lugo ten superávit, como calquera que vai comprar e non paga. Lugo é a terceira cidade do Estado que máis tarda en pagar aos provedores, cuns 139 días de media. Hai máis de 5.000 facturas sen abonar, case todas anteriores a 2016, todo un récord nos tempos da Administración telemática e a factura electrónica. O recoñecemento extraxudicial destes créditos foi rexeitado inicialmente polo pleno porque unha parte das facturas teñen reparos, por mor dunha errónea tramitación ou por corresponder a contratos caducados como os anteditos. Na sesión plenaria desta semana, os grupos municipais tratarán de chegar a un acordo para desbloquear o pago de parte das facturas, despois de que o goberno aceptase dividilas en dous lotes, as que teñen reparos e as que non, como lle pediu o BNG, para aliviar a situación de moitos dos acredores. A tardanza en atopar unha solución para este asunto é imputábel fundamentalmente ao Goberno local que utilizou como reféns a empresas e autónomos da cidade para tentar colar polo medio pagos cuxa ilegalidade foi denunciada polos propios servizos de intervención do Concello.

A situación de caos, derivado da incapacidade do goberno, vese agudizado polas trabas impostas por unha parte do funcionariado que ás veces eternizan a tramitación de expedientes, nunha sorte de partida de ping pong, traendo ao goberno de cabeza. A liorta aberta coa revisión da Relación de Postos de Traballo, onde a equipa de goberno apostou na proposta do CSIF e na da policía local, abrindo un conflito con outras organizacións sindicais e parte dos traballadores, fica sen percorrido unha vez que resulta evidente que o goberno non atopa apoios para aprobar os orzamentos. Como guinda a este desaguisado pastel, o concello terá que facer fronte aos custos do derrubo das Torres do Garañón, un licenza concedida na etapa Orozco con Besteiro de concelleiro de urbanismo que permitía edificar nas ladeiras do parque e que foi anulada pola xustiza.

Lugo é a terceira cidade do Estado que máis tarda en pagar aos provedores, cuns 139 días de media

A sensación xeneralizada entre a cidadanía é de mandato perdido. As razóns que poden explicar esta situación debemos buscalas na falta dunha equipa solvente, no descoñecemento por parte do goberno dos problemas da cidade e do funcionamento do Concello ou mesmo na falta de interese e apego as súas reponsabilidades por parte dalgúns concelleiros, comezando pola alcaldesa Lara Méndez, que tivo que ocupar o cargo ao seu pesar, após a dimisión forzada de Orozco, e que a día de hoxe segue a laiarse de non ter conquerido a Presidencia da Deputación, tal como lle tiñan prometido. Ao tempo, o goberno local vese obrigado a facer fronte a herdanza envelenada do orozquismo, sexa na súa vertente xudicial, sexa coa presenza do goberno dalgúns dos seus fieis como a concelleira Carme Basadre que fai maxia ao acadar que os concertos do mesmo grupo sexan máis caros en Lugo que en Ourense. Con tanto lastre, e sen bois que tiren do carro, a velocidade cruceiro en Lugo e moi inferior aos 30.