Despois dunha primeira votación para levantar o reparo que Intervención Municipal lle interpuxera ao expediente de concesión en 2016, a aprobación definitiva da municipalización da ORA e o guindastre chegou cos votos favorábeis de Compostela Aberta e BNG e a abstención do PSOE.
Na súa intervención, o alcalde reiterou o convencemento de que a municipalización destes servizos de mobilidade “permitirá aplicar políticas públicas que serán beneficiosas para a cidadanía”.
Coa súa aprobación, féchase o expediente xudicial aberto hai dous anos que anulaba a concesión feita en 2012 á empresa Setex Aparki. Nesta liña, Martiño Noriega asegurou que o Goberno local está “amparado xuridicamente”.
Depuradora
No pleno ficou rexeitado tamén o convenio con Acuaes e Augas de Galicia para a construción da depuradora do Souto, cos votos en contra de Compostela Aberta e a abstención dos demais grupos.
O alcalde asegurou que a proposta de convenio realizada por Acuaes "é prexudicial para Santiago” e avanzou que nos próximos días farán pública a novo proposta para a EDAR. Nela, introducirán as demandas do concello que Acuaes e Augas de Galicia rexeitaran no anterior convenio.