Reiteran a súa aposta no liderado de Luís Villares

MA lanza unha campaña para as mareas municipalistas non ficaren marxinadas na dirección da confluencia

Un momento do acto constitutivo da Marea Aberta (11 de marzo).

Marea Aberta constituíuse o pasado 11 de marzo e di representar agora "máis dun centenar de mareantes de distintas mareas municipalistas".

Marea Aberta, unha nova corrente no seo da confluencia, acaba de lanzar unha campaña na rede co obxectivo de garantir unha presenza significativa de representantes das marés municipalistas na Coordenadora Nacional da confluencia (a executiva) cuxos membros serán designados este domingo polo Consello das Mareas, máximo órgao da plataforma entre plenarios.

"Trátase de que na constitución da Coordenadora de En Marea non se volva cometar o grave erro, como xa ocorreu na elección do Consello das Mareas, de que os representantes das mareas municipalistas queden nunha posición de marxinalidade, pois iso suporía a deturpación do espírito da asemblea fundacional do 30 de xullo do ano pasado en Vigo", afirma MA a meio dun comunicado.

A campaña de Marea Aberta -que decorre desde a tarde desta cuarta feira até a sexta- leva como lema "Sen mareantes non hai marea" e moverá en rede seis imaxes corais "ligadas cada unha delas aos seis principios de MA: cooperación, participación, ética, respecto polas persoas, altruísmo e transparencia". O hashtag que farán rular é #CoordinadoraconMareantes.

Este grupo de mareantes municipalistas defenden que á hora de constituír a Coordenadora Nacioanl se atendan os criterios de "proporcionalidade, paridade e non remuneración" e advogan por un "liderado común claro", para o cal apostan pola figura de Luís Villares.

Para Marea Aberta, só ese "liderado común claro" podería acabar "coa idea de reparto de cupos e de partes que ten caracterizado En Marea desde a súa constitución, primeiro como coalición e posteriormente como partido instrumental". Ven en Villares a persoa acaída "polo seu compromiso co proxecto común e pola súa independencia das partes".

O problema para se concretizar esta demanda de MA é que nas primarias o censo de persoas inscritas votaron un documento que torna inelixíbeis para o cargo de portavoz orgánico os voceiros do Congreso -Antón Gómez-Reino e do Parlamento galego -Luís Villares.