Con máis de 150.000 mozas emigradas en 13 anos, o PP ve Galiza como "terra de oportunidades para a mocidade"
O candidato do PP por Pontevedra, Román Rodríguez, e o coordinador do programa electoral do partido, Valentín García, reuníronse esta cuarta feira cos consellos sociais das tres universidades públicas galegas para trasladarlles a proposta de implantar a gratuidade nos estudos universitarios a partir do próximo curso 2024-25.
Unha medida anunciada a pasada semana polo candidato popular a presidir a Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a pesar de que o PP se opuxo reiteradamente cando BNG e PSdeG levaron a mesma proposta ao Parlamento galego. De feito, na terza feira, José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á Presidencia da Xunta, congratulouse de que o PP "copie as ideas socialistas".
Así, Rodríguez salientou que a gratuidade das taxas universitarias, cifrada polo propio Rueda en 18 millóns de euros, "contribuirá a consolidar a Galiza como unha terra de oportunidades para a mocidade", obviando que un total de 154.745 galegas e galegos menores de 29 anos emigraron entre os anos 2009 e 2022, segundo o INE.
A xuntanza decorrida esta cuarta feira enmárcase dentro da rolda de contactos que están a manter desde o PP cos distintos actores da comunidade universitaria para explicar o "compromiso de implantación desta medida" para o vindeiro curso.
Logo de presentarlla aos reitores das tres universidades públicas a pasada sexta feira, 19 de xaneiro, agora foi a quenda dos representantes dos seus respectivos consellos sociais, que son os órganos que "canalizan a participación da sociedade galega na universidade".