Máis un novo manifesto pide o apoio para o BNG-EH Bildu nestas europeas

Bieito Lobeira, nun acto con Bildu

Asinado por ''galeg@s sen adscrición partidaria'' afirma que 'Os pobos deciden' é a candidatura ''que mellor representa os intereses de Galiza e dos traballadores''. Francisco Sampedro, o ex portavoz de Causa Galiza Bráulio Amaro e Dionisio Pereira son algunhas das persoas asinantes.

 

O historiador Dionisio Pereira, o filósofo Franscisco Sampedro, os escritores Vitor Vaqueiro e Manuel Forcadela, o ex portavoz de Causa Galiza Bráulio Amaro e o presidente da Asemblea Republicana de Vigo, Celso X. López Pazos, son algunhas das sinaturas que apoian o Manifesto 'Os Pobos deciden', no que se pide o voto na cita do 25 de maio para a coligación BNG e EH Bildu. Mais este manifesto está tamén apoiado coa súa sinatura por electricistas (Manuel Domínguez), caldeireiros (Xosé Carlos Blanco), xornalistas (Gustavo Luca de Tena), bombeiros, xubilados, estudantes, mestres ou desempregados.

Son sinaturas que reclamándose “galeg@s sen adscrición partidaria” piden nas eleccións europeas o voto en Galiza para a papeleta do BNG e en Euskal Herria para a de EH Bildu. “Ao noso parecer, é a opción que mellor representa os intereses de Galicia e dos traballadores”.

Desde o socialismo

No manifesto esclarecen que “este apoio enténdese puntual e unicamente relativo  ao presente proceso electoral, non significando unha aposta estrutural a prol da política do BNG, de cuxo pasado acomodaticio non nos reclamamos”. Mais tamén entenden que na altura e circunstancias actuais é a candidatura de 'Os pobos deciden' a que serve para “dicir non á Europa do capital e a quimera da súa reforma. Acreditamos, pola contra, na construción compartida dunha Europa dos Pobos, que teña como finalidade esencial o rachamento da subordinación do traballo ao capital”.

O chamamento parabeniza e cualifica de “positiva” unha coligación “de esquerda autoorganizada e rebelde de ambas nacións (Galiza e Euskal Herria)”, apuntando a que “debería se ampliar e proxectar para alén do presente proxecto electoral. Porque, ao noso entender, a esquerda real en Galicia só pode selo se asume a necesidade de construírmos unha República Galega Independente camiño do socialismo”.

Entre as persoas asinantes do manifesto figuran algunhas que estiveron vinculadas á Frente Popular Galega -organización que agora concorre con IU a este proceso eleitoral- e outras que en 2012 pediron o voto para a candidatura de AGE.