DPG2017

A manifestación do BNG é multitudinaria

Día da Patria Galega 2017

Unha multitude respondeu á convocatoria do BNG e Compostela voltou a ser testemuño da capacidade de mobilización da formación nacionalista. A cabeceira da marcha xa está na Quintana, onde Ana Pontón fechará o acto.

Partiu da Alameda a manifestación do BNG por volta das 12.15, o acto con maior capacidade de convocatoria de cantos se teñen programado este Día da Patria Galega, e a súa cabeceira entrou na Quintana apenas 25 minutos despois. A marcha leva como lema xenérico "Galiza, a nación que compartimos" e con ela o BNG quer reafirmar nas rúas o que, a ollos da súa dirección, é o bon estado de forma en que se acha a organización

 

Cos quince minutos de retraso de rigor sobre o horario programado, pura cortesía para as miles de persoas que acabarán por acugular as rúas de Compostela, deu inicio a marcha do Bloque Nacionalista Galego polas rúas da cidade rumo á praza da Quintana.

 

"Que queiran que non/Galiza é unha nación" é unha das palabras de orde que corean as miles de persoas que xa acompañan a marcha, en que se deixan ver faixas alusivas aos distintos conflitos sociais que atravesa o país, como por exemplo o confronto coa pasteira ENCE, responsábel da eucaliptización do monte galego.

 

En apenas 25 minutos, a cabeceira da marcha deu chegado á Praza da Quintana e a manifestación comeza a deixar ver o seu carácter multitudinario.

 

Un dos clásicos da marcha do BNG, a entrada dos contixentes de Galiza Nova na Praza da Quintana, produciuse co balbordo festivo de rigor por volta das 13.05 minutos. Todo, pois, pronto para o discurso de Ana Pontón.

 

[INFORMACIÓN EN ACTUALIZACIÓN]