ENTREVISTA EN V TELEVISIóN

Manuel Baltar: ‘’Hai que achegarse á teoría do nacionalismo galego de Risco”

O presidente da Deputación de Ourense e do PP desa provincia incidiu en que os populares galegos deben seguir o legado de ‘Centristas de Galicia’.

 

Manuel Baltar instaba, nunha entrevista de hai uns días en Europa Press, o PPdeG a non “desatender o galeguismo”. Esta terza feira o presidente da Deputación de Ourense e do PP de Ourense foi un paso máis alá e, nunha entrevista en V Televisión, afirmaba que “hai que achegarse á teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco”. Unha declaración que completou chamando a manter no PP o legado de Centristas de Galicia, a formación escindida de Coalición Galega e con presenza na provincia ourensá na que estiveron como dirixentes Victorino Núñez e José Luis Baltar, e que acabou integrándose no PP en 1991.

Baltar recoñeceu nesa entrevista en V Televisión que “nin a previsión máis pesimista” contaba cunha perde de votos tan grande do PP nas eleccións do 24 de maio, mais desbotou sinalar responsábeis concretos ao afirmar que “a culpa é de todo o partido”.