A cabeceira da marcha do BNG, xa na Quintana

Partiu da Alameda a manifestación do BNG por volta das 12.15, o acto con maior capacidade de convocatoria de cantos se teñen programado este Día da Patria Galega, e a súa cabeceira entrou na Quintana apenas 25 minutos despois. A marcha leva como lema xenérico "Galiza, a nación que compartimos" e con ela o BNG quer reafirmar nas rúas o que, a ollos da súa dirección, é o bon estado de forma en que se acha a organización

Cos quince minutos de retraso de rigor sobre o horario programado, pura cortesía para as miles de persoas que acabarán por acugular as rúas de Compostela, deu inicio a marcha do Bloque Nacionalista Galego polas rúas da cidade rumo á praza da Quintana.

 

"Que queiran que non/Galiza é unha nación" é unha das palabras de orde que corean as miles de persoas que xa acompañan a marcha, en que se deixan ver faixas alusivas aos distintos conflitos sociais que atravesa o país, como por exemplo o confronto coa pasteira ENCE, responsábel da eucaliptización do monte galego.

 

En apenas 25 minutos, a cabeceira da marcha deu chegado á Praza da Quintana e a manifestación comeza a deixar ver o seu carácter multitudinario.

 

[INFORMACIÓN EN ACTUALIZACIÓN]