A marcha xuvenil independentista e a Cadeia Humana polas presas percorren Compostela

Manifestación xuvenil esta cuarta feira en Compostela (Foto: Nós Diario).
No manifesto da convocatoria, a mocidade amosábase “orgullosa da historia herdada” e asumía o seu “papel referencial” do independentismo, ademais de demandar “a reestruturación do independentismo revolucionario” como unha “prioridade”.

Da Alameda de Compostela partiu esta cuarta feira, contra ás 20.30 horas da tarde, a manifestación xuvenil pola soberanía da Galiza, convocada da man da rede Mocidade pola Independência (MPI).

No manifesto da convocatoria, a mocidade amosábase “orgullosa da historia herdada” e asumía o seu “papel referencial” do independentismo, ademais de demandar “a reestruturación do independentismo revolucionario” como unha “prioridade”.

Ademais, tamén esta cuarta feira decorreu desde a Praza da Galiza, na capital galega, a Cadeia Humana pola Liberdade das Presas Independentistas, organizada por Ceivar.

"Mais um ano, e já vam 17, Ceivar está presente na véspera do dia grande da Galiza para recordar as presas independentistas numha das citas clássicas da reivindicaçom nacional: a Cadeia Humana pola Liberdade. Exigindo os direitos e a saida da prisom das militantes", sinalaba Ceivar.

A organización tamén ofreceu colantes "pola independência e liberdade presas políticas galegas" na cadeia humana, cousa que tamén fará na manifestación polo Día da Patria Galega que convoca esta quinta feira Assembleias Abertas Independentistas.

Miguel García e Asunción Losada

A mobilización lembrou Antom Garcia Matos e Asunción Losada, aínda na cadea, ademais de denunciar as medidas “represivas” contra as que xa saíron mais teñen prohibido asistir á iniciativa.