MARTIÑO NORIEGA

Martiño Noriega: “Cómpre desacralizar o nacionalismo, non facer del unha cuestión de fe”

Ás portas da II Asemblea Nacional de Anova que esta fin de semana decorre en Compostela, falamos co seu coordenador nacional.

 

“Coa nación na esquerda, tecendo a rede” é o lema sob o que esta fin de semana decorrerá en Compostela a II Asemblea Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista. Unha cita á que se chega cunha coñecida división no seo da propia organización (acrecentada após as eleccións europeas). Nestas semanas Anova impulsou unha serie de ‘xeiras’ de análise e debate polas comarcas do país para ir tomando o pulso de militancia e cidadanía. Martiño Noriega (1974) avoga por “desdramatizar” o debate e as posturas diverxentes que se viven dentro de Anova, lembrando que non é un “problema” a existencia de visións e ‘sensibilidades’ diferentes e discrepantes na mesma organización, senón que unha delas “faga da súa unha postura excluínte”.

Que agarda vostede e que pode agardar a cidadanía galega da asemblea desta fin de semana?

Persoalmente agardo que Anova sexa quen de pechar o proceso constituínte que empezou hai dous anos. É o momento de de pechar un primeiro ciclo desta organización. En canto ao rol de Anova a nivel social, considero que ten unha posición política no espazo de ruptura, que sitúa o noso país nesa gran fronte popular que se está a construír na nosa nación mais tamén no Estado. Anova ten esa responsabilidade.

"En Anova non hai loita polo poder porque non hai poder que repartir"

Non é secreto ningún que a esta II Asembla Nacional Anova chega cunha evidente división interna. Son esas diferenzas simplemente sobre o modelo, socios e coligazóns ou son ideolóxicas?

En Anova non hai loita polo poder porque non hai poder que repartir. Hai debates políticos. Non quero caer en simplificacións, mais poderiamos dicir que hai unha lectura do nacionalismo máis clásica, nos parámetros que se veñen dando desde os 60; e outra visión distinta, na que pulamos por unha relectura en que a visión identitaria pivota na esquerda. Mais tamén creo que hai que desdramatizar: o debate que se está a dar en Anova estase a dar tamén no escenario da esquerda rupturista... O problema non é o debate, o problema é cando unha parte fai da súa unha postura excluínte.

A esta asemblea chégase tamén despois de que FOGA optase por marchar de Anova, dicindo que non ven marxe de acordo entre as dúas ‘ponlas’ internas... pódese reconducir esa fractura? Pode acadarse acordo?

Os debates en calquera organización se son intensos sempre poden pasar factura. Anova somos por volta de 1.200 militantes. E, sinceramente, creo que debería de ter ‘explosionado’ máis, tanto en militantes como simpatizantes... Hai debates que son necesarios e este, o que temos en Anova, non é un debate por capricho, é un debate necesario para poder ser coherentes co proxecto que impulsamos e para poder ser útiles á cidadanía. A respeito da marcha de FOGA (Fronte Obreira Galega), non podo máis que amosar o meu máximo respeto polas decisións. Mais tamén dixen daquela, e creo que se me malinterpretou, que había razóns políticas e sindicais para esa decisión.

"O problema non é o debate de diferentes posturas dentro da mesma organización, o problema é cando unha parte fai da súa unha postura excluínte"

E cal vai ser o papel de Xosé Manuel Beiras a partir desta asemblea?

Os tempos de Beiras vainos marcar Beiras, como sempre foi. Beiras non deixa de ser en certo sentido a columna vertebral de Anova e unha figura clave na esquerda. El propio ten recoñecido que quere “modular” a súa participación e papel, tense falado de portavocía colexiada...

A pouco das eleccións municipais, cal é o escenario polo que cre que debe traballar Anova? Se AGE foi unha fórmula que consideran válida para as autonómicas, reeditarase nas municipais? Apostarán polas ‘marés’?

Até agora Anova traballou na política de coligazóns, o que permitiu xerar un novo espazo político, mestizo, un novo espazo para moitos galegos e galegas. Mais agora hai novidades, hai novos elementos a ter en conta. Creo que agora é o tempo de sacrificar posicións partidistas para sumar en torno a un programa de mínimos. Anova quere sumar, achegar a ese debate. As opcións partidistas deberían fuxir de intentos de tutelaxe dos novos procesos cidadáns. Estabelecer un novo campo de participación non é doado, mais é un proceso en marcha onde hai que decidir se se está ou non e Anova quere estar.

"Creo que debemos facer unha relectura do nacionalismo galego. Supoño que no seu momento no seo do Partido Galeguista habería un debate semellante"

Quer Anova aglutinar ou representar a un denominado ‘novo nacionalismo’ que, por dicilo dalgún xeito, pasa por ‘dar un revolcón’ ao nacionalismo que (re)xurdiu nos 60?

A lectura que se faga no plano nacional non pode ser unha lectura ‘totemizada’ desde os 60. Estamos obrigados a, sen esquecer a aprendizaxe do pasado, repensar o nacionalismo en clave de utilidade e servizo ás maiorías sociais. Dicilo é fácil, claro, facelo xa é máis complicado (ri). Creo que debemos facer unha relectura do nacionalismo galego. Supoño que no seu momento no seo do Partido Galeguista habería un debate semellante a respeito da Frente Popular. Eu son partidario de que o nacionalismo sexa parte desa gran fronte popular, de blindar a cuestión nacional e a cuestión social, que para min van unidas. Cómpre desacralizar a cuestión nacional, o nacionalismo non pode ser unha cuestión de fe.