Martiño Noriega, partidario de Villares ter un "papel fundamental" na dirección de En Marea

Martiño Noriega

O coportavoz nacional de Anova, aliás, evitou esclarecer se apoia que Villares sexa o máximo cargo unipersoal da confluencia.

O que acordou o Plenario de En Marea o pasado sábado é que nas primarias non se elixirá un líder orgánico unipersoal, senón que será o Consello das Mareas o que, unha vez constituído, decida o "futuro organigrama da coordinadora nacional e dos cargos que considere necesarios".

O Consello das Mareas estará constituído por 35 persoas e será eleito polo sistema de listas fechadas, non abertas, con distribución de postos proporcional aos votos obtidos polas distintas listas que se apresenten nas primarias.

Segundo acordou tamén o Plenario, as candidaturas deberán apresentar unha especie de programa eleitoral, un "documento político que conteña unha proposta de liñas de actuación" a desenvolver no Consello das Mareas.

Será o Consello das Mareas, após ser eleito nas primarias, o órgao que decidirá se a confluencia se dota dunha única ou de varias portavocías

Todo indica que o actual voceiro do grupo parlamentar, Luís Villares, ten a intención de encabezar unha das candidaturas nestas primarias, despois de que no Plenario se impuxese o sector favorábel a que non se lle aplicase o réxime de incompatibilidade.

Nas últimas horas Villares pronunciouse a prol dunha dirección colexiada con "varias voces" e nesa mesma liña foi esta terza feira o discurso de Martiño Noriega. O alcalde de Compostela e coportavoz nacional de Anova defendeu, en declaracións á imprensa, que o xuíz en excedencia teña un "papel fundamental" na construción do "novo suxeito político". Porén, non levou á defensa de Villares ao límite de postular o portavoz do grupo parlamentar para un cargo homólogo a unha secretaría xeral.

En todo caso, volta a se pór de manifesto que os maiores apoios tenos Villares en Anova, mentres que Unidos Podemos, a forza hexemónica da confluencia, mostra unha moito maior distancia a respeito do parlamentar de Lugo.