Martiño Noriega perde a cuestión de confianza que presentou ligada á aprobación dos orzamentos

Martiño Noriega [Imaxe de arquivo SG]

Toda a oposición votou, por segunda vez, en contra das contas e lamentou que o alcalde de Teo botase man dun ''mecanismo excepcional'' antes que dialogar. O procedemento establece o prazo dun mes para presentar unha moción de censura. De non a presentar, os orzamentos fican aprobados e 'blindados' automaticamente.

O alcalde de Teo Martiño Noriega perdeu a cuestión de confianza que el mesmo presentou ligada á aprobación dos orzamentos do concello. Unha medida que Noriega adoptou após a pasada quinta feira non poder sacar adiante as contas polos votos en contra das catro forzas da oposición (BNG, InTeo, PSOE e PP). O rexedor teense respondeu a esa decisión coa convocatoria dun novo pleno, outravolta cos orzamentos sobre a mesa, mais nesta ocasión ligando a aprobación dos mesmos a unha moción de confianza. Para a oposición, unha decisión “desmedida” pois, como sinala o BNG, supón botar man dun “procedemento excepcional”.

No Pleno desta segunda feira Martiño Noriega perdeu a votación e a cuestión de confianza. Iníciase agora un trámite no que hai un prazo legal dun mes para presentar unha moción de censura. Un escenario que non se producirá, como xa manifestaron desde BNG e PSOE, que rexeitaron recorrer a esa vía. Se nese mes non se presenta un goberno alternativo, o orzamento fica aprobado de forma automática e blindado no seu conxunto. Anova [que non se presentou como tal ás eleccións, seus concelleir@s foron candidat@s na listaxe do Bloque] goberna Teo con 7 edís, o PP ten 6, o BNG dous, PSOE un e InTeo outro.

“Chégase a esta situación por prepotencia”

Así pois, di a oposición, Martiño Noriega recorreu a un procedemento de carácter excepcional para aprobar as contas antes que iniciar un proceso de diálogo e negociación. O BNG lamenta que se “chegase a esta situación pola actitude de prepotencia do alcalde”.

No debate plenario, o rexedor incidiu en que a oposición tivera 2 semanas para estudar os orzamentos e presentar propostas, achegas ou engádegas. Ademais, e como indicaron fontes próximas a Anova, as contas non se aprobaron, pudendo facelo, na comisión de goberno (como permite a nova Lei de administracións) para non ter así que facelo sob amparo dunha lei que rexeitan.

Diálogo

Para o BNG, coa cuestión de confianza procurouse “un mecanismo que con carácter excepcional dá por válido un acordo en minoría para grandes asuntos do concello, cando un demócrata convencido non tería que recorrer a estes procedementos excepcionais, e menos aínda sen dialogar coas outras forzas políticas”.