O medo a un mal resultado leva ao PP a recorrer a Aznar para a campaña electoral

Aznar.

O ex-presidente do Goberno participará na promoción dos populares, que xa mantiveron unha xuntanza co seu equipo para buscar datas. No PP cren que é unha figura que aínda gaña votos entre diversos sectores do seu electorado. Nas Europeas non participou.

 

Non pode ceder nin un sufraxio o PP nas próximas eleccións municipais no Estado, que tamén serán autonómicas nalgunhas comunidades. Sabe a formación gobernante que as enquisas non lle favorecen e que ademais ten xa competidores no seu espazo, como pode ser o caso de Ciudadanos -que está a ser ultimamente moi promocionado- ou en moita menor medida Vox á súa dereita. Así que os populares entregarse ao máximo na campaña electoral, para a que recorrerán a todas as súas figuras, o que inclúe ao ex-presidente do Goberno español José María Aznar.

Cren no PP que Aznar ten aínda moito atractivo entre diversos sectores do seu electorado, polo que queren contar con el e xa se produciu algunha reunión entre o equipo do antigo titular do Goberno e a dirección actual da formación de Rajoy, na que se chegou ao acordo de que participe en diversos actos. Non se sabe se algún deles será en Galiza, aínda que esta comunidade non é das prioritarias para Aznar.

Nas eleccións europeas do pasado mes de maio, o ex-presidente lamentou dexeito público que a dirección do PP non o invitara a participar nesa campaña cando, segundo dixo daquela, desexaba apoiar ao candidato do PP a eses comicios, Miguel Arias Cañete. Aznar non mantén unha boa relación con Rajoy e mesmo criticou o comportamento do partido hai un mes diante de toda a dirección popular.