O MGS lembra a Reboiras apostando en romper co capitalismo “extractivista e colonial”
O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) rendeu tamén homenaxe á figura de Moncho Reboiras como “militante exemplar da liberación nacional e social de Galiza”. O acto político realizado onte no cemiterio de Imo (Dodro) reuniu un cento de persoas, segundo a organización, e combinou a reivindicación, a celebración da memoria e a confraternización entre as asistentes.
O acto político do MGS, que foi conducido por Ximena González, contou coas intervencións de Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG en Dodro, Élia Lago, da Mesa Nacional do MGS e de Isca! e o sindicalista da CIG, Ramiro Oubiña. Mariño fixo un chamado a continuar coa loita pola que entregou a vida Moncho Reboiras contra un “sistema capitalista que nos oprime e que ten, no caso particular da Galiza, unha fasquía extractivista e colonial que nos aferrrolla dobremente”. Pola súa banda, Lago defendeu o paralelismo entre as circunstancias actuais e o contexto no que viviu e militou Moncho Reborias, reflexionando sobre o “significado intenso do comprimiso militante até as últimas consecuencias” e tamén sobre os reptos para “un futuro libre e socialista”.
O acto contou coa intervención musical do cantautor Roberto Sobrado, e concluíu cunha ofrenda floral. A continuación desenvolveuse un xantar de convivio confraternidade na carballeira próxima co que o MGS pón todos os anos o ramo ao curso político.
Outras homenaxes
Para alén dos actos realizados pola UPG e o MGS, a lembranza de Moncho Reboiras motivou outras actividades ao longo da xornada do pasado sábado 12.
Pola mañá, ás 11:30h Agora Galiza realizou a súa ofrenda floral en Imo. No mesmo lugar, ás 12:30h, a CIG e a Fundación Moncho Reboiras fixeron tamén unha homenaxe floral na que participou o ex secretario xeral do sindicato nacionalista e actual presidente da fundación, Suso Seixo.
Ás 17h, tamén en Imo, Causa Galiza desenvolveu un “acto independentista de homenaxe”.
En Vigo, cidade na que viviu moitos anos Reboiras, a Frente Popular Galega e Xeira organizaron un acto de homenaxe na Praza do Toural no barrio de Teis ás 12h.