Militantes de En Marea piden que se desbloquee o Consello, que non se reúne desde o 28X

Un momento da votación das primarias de En Marea, xaneiro de 2017

O máximo órgao da confluencia ten pendente dúas tarefas básicas, designar a portavocía nacional e a Coordenadora Nacional (executiva).

En Marea está nun estado de parálise institucional desde finais de xaneiro. Desde o 28X non se reúne o seu máximo órgao entre plenarios, o Consello das Mareas. E non o fai embora teña nas tarefas pendentes nada máis e nada menos que a designación dos membros da Coordenadora (Executiva) e da portavocía nacional.

Esta situación levou a varios militantes a asinar un escrito -ao que tivo acceso Europa Press- en que demandan o "desbloqueo" do Consello das Mareas e até propoñen día e hora para que se reúna, o 2 de Abril ás 17 horas.

Asinan o escrito Adrián Fuenteseca, Ares Jiménez, Borja San Ramón, Gladys Afonso, Iago Martínez, Mariano E. Fernández Cabarcos, Oriana Méndez, Paula Rodríguez, Pedro José Rivera, Rafa Dopico, Sara Outeiral, Javier Octavio de Toledo e Noemi Prados.

Explican estes militantes de En Marea que en varias ocasións propuxeron a inmediata convocatoria do máximo órgao da confluencia. O que obtiveron como resposta foi  "dous tipos de resposta: ou silencio ou evasiva".

"Non achamos nengunha explicación razoábel a este bloqueo xa non só ao diálogo, senón mesmo a coincidir no mesmo tempo e no mesmo espazo", afirman.

Denuncian que a consecuencia desa pasividade é a paralización da "plena constitución dos órgaos de dirección de En Marea, particularmente a súa coordenadora", o que levaría "eludir os importantes debates políticos pendentes".

E poñen o grupo parlamentar no albo cando sinalan que ao seu xuízo o que revela o bloqueo é "unha vontade de impedir que En Marea se consolide fóra do perímetro do Parlamento da Galiza".

Propoñen, en definitiva, unha convocatoria do Consello para o 2A co propósito de "desbloquear a actual situación" e "garantir o respeito das decisións democraticamente tomadas polas persoas inscritas".

Por que a demora na reunión do Consello?

A razón fundamental é a rotura do consenso na cúpula sobre unha cuestión fulcral, a da designación da portavocía nacional. O votado polas bases de En Marea nas primarias non oferece dúbidas. O Documento Político gañador -o da candidatura Máis Alá- estabelecía nidiamente que a portavocía a ocuparían tres persoas, dúas mulleres e un home, con incompatibilidade expresa para aquelas persoas que desenvolven a función de voceiros no Parlamento de Galiza e no Congreso, o que excluía Luís Villares e Antón Gómez-Reino. O Documento Político estabelecía, aliás, que Villares e Gómez-Reino serían membros natos dos órgaos de dirección. Neles terían voz, mais non direito de voto.

O problema é que no entorno de VIllares nunca se aceitou de bon grao esta decisión da militancia e unha voz tan significativa como a de Xosé Manuel Beiras se pronunciou a prol de que o portavoz no Hórreo fose tamén o voceiro orgánico da confluencia. Até se formou unha especie de corrente -Marea Aberta- para defender tamén a candidatura de Villares, a despeito do votado polas persoas inscritas.

Este non é o único asunto que mantén bloqueado o órgao. Hai tamén outro conflito á vista: a constitución da propia Coordenadora Nacional, unha sorte de Executiva composta por 11 persoas. As candidaturas críticas -Somos Quen, liderada polo parlamentar de Anova Davide Rodríguez, e Queremos Participar, nucleada arredor de Cerna- piden que se aplique a proporcionalidade pura e que, portanto, a correlación de forzas no órgao sexa 6-3-2 (con 6 asentos para Máis Alá, 3 para o SQ e 2 para QP). A candidatura oficial, por súa parte, entende que se debe ter en conta a proporcionalidade, mais non como único criterio e alegan que a dirección tamén se debe compor a partir de factores como a súa maior ou menor funcionalidade. En todo caso, que a proporcionalidade sexa pura ou non xa foi un asunto polémico, con recursos de por medio, á hora de atribuír os asentos no Consello das Mareas