Eleccións Europeas 9-X

Millán Mon defende que as europeas "son unha oportunidade de responder as políticas populistas de Sánchez"

Alfonso Rueda acompañou Francisco Millán Mon esta sexta feira en Pereiro de Aguiar (Foto: Nós Diario).
Rueda apela "a unha Europa que se pareza máis ao xeito de funcionar que ten a Galiza".

O presidente do PP na Galiza, Alfonso Rueda, pediu o voto nestas eleccións europeas en Pereiro de Aguiar (comarca de Ourense) apelando “a unha Europa que se pareza máis ao xeito de funcionar que ten a Galiza” e non “ao desleixo que demostra” o Goberno estatal cara á Galiza.

O líder popular reivindicou a Galiza como o exemplo a seguir a nivel europeo no que se refire a atención ás familias, ao mar e aos proxectos que crean emprego e xeran riqueza.

Insistiu en que estas eleccións son a ocasión para dicir en todo o Estado español “o que os galegos pensan da situación política actual”, para que a Galiza “recupere a atención que merece e para que os problemas da cidadanía se volvan pór enriba da mesa”.

Apelando á maioría obtida nas eleccións galegas, Rueda recordou que os galegos e as galegas “xa deixaron claro que non queren división, nin extremismos, nin egocentrismos, senón que apostan pola responsabilidade, o sentidiño e o cumprimento da palabra dada”.

Rueda asegurou que calquera voto que non vaia para o Partido Popular beneficia a Pedro Sánchez e só servirá “para afondar nos incumprimentos” do Goberno estatal coa Galiza.

Pola súa parte, o candidato ás eleccións europeas, Francisco Millán Mon, reiterou que estas eleccións son moi importantes para a Unión Europea (UE), mais tamén para a Galiza e para o Estado español subliñando aspectos como a agricultura e a gandaría, industria, infraestruturas, transporte, enerxía, pesca, financiamento ou comercio exterior.

Por último, Millán Mon pediu unha alta participación e trasladou a súa esperanza de que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos nas urnas como nas eleccións galegas deste ano e nas estatais de xullo do ano pasado.

“É unha oportunidade para todos os galegos -e tamén para todos os españois- de responder as políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa. Pido o voto para que haxa unha repartición xusta dos fondos europeos entre as comunidades autónomas e pido o voto tamén para poder seguir loitando por unhas políticas xustas para o noso rural”, concluíu o candidato popular.