Milleiros de manifestantes rodean o Parlamento de Galiza para esixir “pan, traballo e teito”

Rodea o Parlamento / A.D.

Unha multitude responde á chamada do 21-X e rodea a Cámara galega en Compostela, con presenza de membros de BNG, AGE, Podemos ou diversos movementos sociais e sindicais.

Milleiros de persoas manifestáronse arredor do Parlamento de Galiza esta mañá, respondendo á chamada da Plataforma das Marchas da Dignidade, nunha mobilización que tivo lugar nas cámaras autonómicas de todo o Estado.

Baixo o lema de “pan, traballo e teito”, centos e centos de manifestantes acudiron a unha convocatoria moi crítica pero que se desenvolveu nun ton festivo e finalizou coa lectura dun manifesto por parte dunha representante da plataforma contra os desafiuzamentos de Vigo.

Ana Miranda ou Goretti Sanmartín polo BNG ou Xosé Manuel Beiras, Lidia Senra ou Yolanda Díaz por AGE estiveron presentes na mobilización

Entre @s participantes foron visíbeis destacad@s representantes do BNG como a futura eurodeputada Ana Miranda ou o Goretti Sanmartín, da Executiva. Era a primeira vez que o Bloque apoiaba coa súa presenza unha acción das Marchas da Dignidade. Tamén foi moi visíbel a presenza de AGE, cos seus máximos líderes como Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz ou Lidia Senra. Outras forzas políticas, como Podemos, tamén estiveron presentes ao carón de movementos sociais ou sindicais, sendo o dos bombeiros un dos grupos que maiores aplausos colleitou.

Numerosas reivindicacións sociais -entre elas moi presente a republicana- berránrose nunha marcha -que partiu da estación de tren- na que destacaron as bandeiras galegas estreleiras e tamén as españolas da II República, así como as vermellas e negras libertarias ou algunha de Nunca Máis.