Cinco ministerios de Rajoy teñen repartido máis de 15.000 agasallos nesta lexislatura

Rajoy

O Goberno central agocha datos sobre os regalos que realiza desde que o PP volveu á Moncloa, pero os poucos que desvela refírense a botellas de aceite, máis de 3.000 bolígrafos e reloxos valorados en máis de cen euros cada un.

Cinco ministerios levan repartidos máis de 15.000 agasallos institucionais desde o comezo do Goberno de Mariano Rajoy, entre os que destacan botellas de aceite de oliva, bolígrafos co anagrama oficial e reloxos. Os obsequios máis caros son os bastóns de mando outorgados por Interior e por cada un pagouse 165 euros.

Destacan os gastos de Presidencia, a carteira de Soraya Sáenz de Santamaría; namentres outros ministerios só achegan datos de 2014 ou os ocultan por completo

Nas respostas parlamentarias a unha pregunta do PSOE, o Goberno non ofrece datos de todos os ministerios e só están desglosados os gastos relacionados cos agasallos institucionais de Agricultura, Emprego, Interior, Economía e Presidencia, mentres que Facenda precisa que "até a data" non adquiriu ningún.

O importe dos agasallos institucionais destes ministerios ascende a 72.607,39 euros, aínda que Interior e Emprego só ofrecen datos do ano 2014 e non de toda a lexislatura. Segundo sinala o Executivo, os diferentes agasallos institucionais inclúense nas partidas e conceptos relativos a actos institucionais e atencións protocolarias e representativas do Goberno de España.

O Ministerio de Agricultura é o que máis gastou en agasallos oficiais cunha contía de 42.853,64 euros. Tamén destacan os 3.000 bolígrafos co anagrama institucional adquiridos por Presidencia e os 50 reloxos de entre 134 e 140 euros que regalou o departamento que encabeza Soraya Sáenz de Santamaría nestes anos.