O BNG reprocha a Feijóo estar "ausente" nas cuestións "chave" para Galiza

Núñez Feijóo evita posicionarse sobre o adiamento do sistema de financiamento e defende que o PPdeG sempre foi ''coherente'' a respeito do aborto.

Na sesión de control no Parlamento de Galiza Núñez Feijóo evitou contestar ou posicionarse a respeito das cuestións que lle preguntaban desde os grupos da oposición. O BNG pediulle a opinión do goberno galego sobre o adiamento da reforma do sistema de financiamento "tan importante para Galiza e os seus habitantes, porque de aí finánciase a sanidade, a educación..." aponta Francisco Jorquera. O presidente galego evitou responder e limitouse a acusar ao BNG de ir da en coligación con ERC, partido "prexudicial" para o financiamento e Galiza.

No debate o presidente conestou a Méndez Romeu (PSdeG) que o PPdeG sempre fora coherente na súa posición co ante-proxecto do aborto, e acusou aos socialistas de ser "incoherentes" por votar cousas distintas segundo o territorio. 

Yolanda Díaz (AGE) acusou a Feijóo de ser "o presidente dos 10.000 millóns de eros de débeda", un endebedamento que "non foi para crear traballo ou investimentos" senón para pagar gasto corrente. "Vostede nunha empresa privada estaría despedido".

 

10:41 Núñez Feijóo

Feijóo escorre o bulto da débeda ao Bipartito "que gastou o que non tiña que gastar e agora estámolo pagando"

"Sempre me din que traballo para a empresa privada e agora dinme que se traballase nunha privada despediríanme". Afirma que Galiza é o segundo dos territorios onde menos aumentou a débeda en ternmos absolutos.

10:39 Yolanda Díaz

"Vostede deixe de falsear a realidade. Galiza é o quinto territorio máis endebedado desde que vostede goberna". Díaz acusa a Feijóo de non endebedarse para crear emprego ou investir, senón para gasto corrente. "Vostede na empresa privada non duraba un segundo"

10:34 Núñez Feijóo

"Somos os únicos que non recorremos ao fondo de compensación do Estado para chegar a fin de mes, debería de estar orgullosa".

"Galiza é a terceira autonomía que menos se endebedou en termos de PIB. En Andalucía e Asturies incrementouse moito máis"

"A débeda en Galiza está por baixo do resto das autonomías"

"Sorpréndeme que vostede diga que gastamos moito, que deberiamos gastar máis pero endebedarnos menos. Non se pode criticar a débeda e defender o défice".

10:31 Yolanda Díaz (portavoz de AGE)

"O máis preocupante é para que se endebedou vostede. Nesa viaxe as e os galegos estamos a pagar intereses. Deixe de lle facerfavores á grande banca, deixe de comprometer ao noso país"

"En 60 meses de goberno endebedou ao noso país nun billón das antigas pesetas. Con eses cartos construía 50 diques flotantes para Ferrol"

"Vostede ten o título do presidente dos 10 mil millóns de euros de débeda, vostede que presume de austeridade, de axustar as contas públicas. En só 5 anos foi quen de contraer unha débeda por riba do 17% do noso PIB"

10:27 Núñez Feijóo

"Estar cos independentistas cataláns e con Galiza é imposíbel"

"Por que non facemos as balanzas fiscais desde os anos 60?" "Esoaña non é unha suma de territorios nin unha suma de cidadáns".

"O goberno central está a aliviar a situación actual do sistema anterior"

"Son galego e, en consecuencia, español. Non teño ningún problema en dicir que son español". 

10:24 Francisco Jorquera

"Hai cartos para que o Goberno central libere 4.500 millóns de euros para rescatar as autonomías madrileñas mais non para as autonomías"

"A pregunta é que opina vostede do adiamento do sistema de financiación e non contestou. Nunha cuestión clave para Galiza o goberno de novo está ausente. O goberno español incumpre a lei e vostede cala e outorga, vostede acepta".

10:20 Núñez Feijóo

"Eu non mudei de opinión. Nós facemos os deberes para acreditar que as nosas posturas están fundamentadas en criterios obxectivos".

"Nós non estabamos de acordo co sistema de financiamento do PSOE nin co pacto feito polo PSOE con ERC e IU de Catalunya, porque prexudicaba a Galiza"

"Teño opinión e defendela con argumentos. Teño opinión de que é prexudicial para Galiza ir en coligazón con ERC"

10:16 Francisco Jorquera (portavoz parlamentar do BNG)

"Os recursos de GZ con cargo ao sistema de financiamento autonómico en 2015 serán mil millóns de euros menos que en 2008. E iso por mor da reforma do sistema, que prexudicou a Galiza. Aquela reforma só tivo o voto en contra de 2 deputados galegos, os do BNG"

"É unha cuestión chave para o país e esencial para as persoas: do sistema de financiamento depende a nosa sanidade, a nosa educación... E vostede non concreta nin opina"

"O seu goberno ten algunha proposta en financiación autonómica? Conteste, por favor, porque aínda non coñecemos a súa opinión. E a vostede mire que lle gusta opinar: sobre Escocia e Catalunya, sobre a baixa calidade deste Parlamento, da gran calidade do novo portavoz do PP..."

10:13 Núñez Feijóo

O presidente galego pide a Méndez Romeu "respeto polos galegos e Galiza". Reitera que os orzamentos dos seus gobernos son os que máis adican a políticas sociais. Acusa ao PSdeG de non querer aceptar que "estamos saíndo timidamente da crise".

10:11 Méndez Romeu

O portavoz do PSdeG responsabiliza a Feijóo da emigración da mocidade

"Hai 7.000 persoas na Risga, e vostedes non son quen nin de poñela ao día"

"Señor Feijóo, en Galiza só medra a pobreza e a súa resposta é 14 euros por habitante. En Asturies adican o triple". 

10:10 Núñez Feijóo (presidente da Xunta)

Feijóo di que o PPdeG mantivo "a nosa coherencia" na proposta do aborto e acusa ao PSOE de non ser coherente: "En Madrid votan non e en Catalunya si". O presidente galego presume de crear emprego e de que Galiza vai mellor que o resto do Estado español. "Señor Romeu, vostede antes facía frases intelixentes, polo menos traia unha a esta sesión".

10:03 Méndez Romeu (portavoz parlamentar do PSdeG)

Méndes Romeu reprocha a Feijóo que presuma de que "Galiza vai ser a primeira en saír da crise" cando iso "non é verdade". O socialista expón datos de desemprego, salarios, prestacións para argumentar.

Comeza a intervención felicitando ao PP por "acertar onte", en relación a Gallardón. Lembra a Feijóo a defensa que fixo da proposta do xa ex-ministro. "Vostede debería pedir desculpas ás mulleres galegas", di Romeu. E pídelle que retire a LOMCE, a reforma xudicial e a reforma local, como fixeron coa do aborto.