Miranda denuncia diante da Comisión Europea que o proxecto de Altri incumpre a normativa da UE

Ana Miranda intervindo no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo. (Foto: Fred Marvaux)

O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar diante da Comisión Europea que o proxecto de Altri non cumpre coa normativa comunitaria de emisións industrias. Os nacionalistas requiren ás autoridades da UE que soliciten información ao Estado español sobre este asunto.

A eurodeputada  do BNG, Ana Miranda, acaba de rexistrar unha iniciativa no Parlamento europeo onde denuncia que o proxecto presentado pola multinacional portuguesa Altri para conseguir as autorizacións administrativas para erguer unha celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, incumpre as disposicións fixadas pola Directiva 2010/75/UE para a prevención e control integrado da contaminación das emisións industriais.

“A empresa portuguesa Altri, incumpre a referida normativa”, indica Miranda, “xa que o proxecto presentado non avalía o conxunto das substancias contaminantes”, tal é como estabelece una resolución Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE)  do pasado 25 de xuño.

Miranda sinala que “o Estado español está obrigado a estabelecer que a avaliación previa das repercusións da actividade da instalación de que se trate, tanto sobre o medio ambiente como sobre a saúde das persoas, debe formar parte integrante dos procedementos de expedición e revisión dun permiso de explotación da instalación conforme dita Directiva, e isto non se fixo”.

Unha resolución inequívoca do TXUE

A representante do BNG no Parlamento europeo lembra que a recente resolución do TXUE fixa que “a efectos da expedición ou da revisión dun permiso de explotación dunha instalación en virtude da referida Directiva, a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación”.

A resolución determina nos seu fundamentos de dereito que a Directiva 2010/75/UE “estabelece que [para una autorización industrial] a solicitude de permiso debe conter unha descrición do tipo e da magnitude das emisións previsíbeis da instalación aos diferentes medios, así como unha determinación dos efectos significativos das emisións sobre o medio ambiente” e “unha descrición das medidas previstas para controlar as emisións ao medio ambiente”. Ao tempo, determina que “o permiso debe estabelecer valores límite de emisión non só para 13 substancias á atmosfera e outras tantas á auga (figuran no anexo II da Directiva) senón tamén para outras substancias que poidan emitirse pola instalación”.

A resposta do TXUE chega após unha cuestión prexudicial formulada por un tribunal de Milán, en Italia, para determinar o o alcance da Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais (prevención e control integrado da contaminación). A consulta reclamaba unha interpretación a respecto dos criterios a seguir á hora de outorgar autorizacións de actividade a proxectos industriais, co fin de clarificar a normativa a aplicar en todo o espazo da Unión Europea.