O modelo elixido pola Xunta do PP encareceu en 470 millóns o hospital Álvaro Cunqueiro

O presidente do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, entregou onte ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices o informe. (Foto: Parlamento da Galiza).

Alberto Núñez Feixoo presentou o modelo de construción e funcionamento do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como un éxito da súa xestión. Agora o Consello de Contas da Galiza cuestiona a opción escollida polo Goberno galego, a quen acusa de incrementar os seus custos en máis de 470 millóns de euros.

O modelo empregado pola Xunta da Galiza para a construción e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo xerou un quebranto ás arcas públicas de máis de 470 millóns de euros. Así o sinala un informe elaborado polo Consello de Contas e entregado onte polo presidente da entidade, Juan Carlos Aladro Fernández, ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices. Neste sentido, o ente fiscalizador apunta que a licitación da actuación mediante un contrato de concesión de obra pública supuxo un incremento no seu custo final dun 28%.

O relatorio explica que “en termos económicos, a alternativa da licitación da obra por unha banda e a licitación de contratos de servizos por outra é máis eficiente que o contrato de concesión realizado, xa que se poderían acadar resultados similares a un menor custo”. Neste sentido, sinala que “a diferenza estimada entre o importe da proxección de pagos de ambas alternativas é de 382.234.537 euros (sen IVE) e de 470.469.422 euros (con IVE), o que supón unha diferenza en termos de valor actual neto (VAN) de 133.439.273 euros e de 165.774.821 euros, respectivamente”.

Os sobrecostes

O estudo afirma que o Goberno galego deberá achegar á empresa titular do Hospital Álvaro Cunqueiro até o remate da concesión en 2035 ao redor de 1.696,8 millóns de euros. Porén, esta contía reduciríase a 1.222,3 millóns de euros no caso de optar pola fórmula tradicional de licitar por separado os contratos de obras e servizos. A este respecto, o organismo fiscalizador apunta que “a elección da opción de contratación realizouse sen unha análise comparativa previa en termos de eficiencia e eficacia con respecto a unha adxudicación de contrato público tradicional”.

O Consello de Contas cuestiona o proceso de adxudicación da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro á Unión Temporal de Empresas (UTE) Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A. Nesta dirección, entende que “a avaliación realizada non se pode considerar que analizase a coherencia do Plan económico financeiro (PEF) coa oferta presentada e co resto dos documentos do contrato”. Na mesma orientación, “conclúe que os criterios de adxudicación non están definidos coa calidade técnica necesaria para evitar marxes de discrecionalidade na adxudicación do contrato, nin garanten que coa súa aplicación se seleccione a oferta máis vantaxosa en termos de calidade/prezo”.

As empresas beneficiadas

A UTE, conformada pola empresa madrileña Acciona, propiedade da familia Entrecanales, titular do 43% do capital, a chinesa Puentes, propietaria do 23%, a francesa Veolia, dona do 17% e a tamén madrileña Concessia, co 17% do capital da mercantil, mudou en diferentes ocasións desde a súa constitución. Á volta de novembro de 2020, Acciona desprendeuse do seu capital, vendendo as súas accións por 484 millóns de euros á compañía francesa Meridiam, titular da xestora de investimentos Bestinver. Uns meses antes, en xullo de 2019, Concessia desfíxose da súa participación, adquirida polo fondo luxemburgués River Rock.

As obras finalmente executadas non se corresponderon co proxecto licitado polo Goberno galego. A este respecto, o Consello de Contas indica que o proxecto incluía a construción de 104.168 metros cadrados de superficie hospitalaria pero “unha vez adxudicado e formalizado o contrato", mediante a modificación do Plan funcional, aprobouse a "redistribución de espazos cunha redución da superficie hospitalaria de 11.792 metros cadrados útiles", sen que implicase ningunha baixa nos custos. Ao tempo, confirma que a actuación estaba prevista para acoller 2.000 camas, mais nunca superou as 1.336.

O órgano fiscalizador afirma que a “conclusión dos traballos de fiscalización neste apartado é que non se garantiu o estabelecido no prego nin no acordo da encomenda de xestión en canto á contratación dos servizos de terceiros para o desenvolvemento das funcións da Oficina Técnica (OTS), nin foron asumidos na súa totalidade os importes dos gastos previstos nos devanditos apartados da cláusula 9.3 do prego”. Ao tempo, o Consello de Contas asegura que “os criterios fixados para acreditar a solvencia técnica dos servizos non están definidos coa calidade necesaria para asegurar que as entidades participantes reúnen as condicións necesarias para garantir a dita solvencia na prestación”.

770 millóns de euros

O Álvaro Cunqueiro de Vigo representa unha hipoteca para as contas públicas galegas. Segundo se recolle nos orzamentos galegos do ano 2024, a Xunta da Galiza debe aínda á empresa concesionaria da instalación unha contía de 770 millóns de euros. Precisamente, nesta anualidade o Goberno galego fixo fronte a pagos derivados das actuacións executadas mediante a colaboración pública-privada por unha contía de 137 millóns de euros, sendo a principal favorecida dos mesmos a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A.

A obra e a xestión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, agora cuestionada polo Consello de Contas, foi presentada como exemplo por Alberto Núñez Feixoo, que apostou durante os seus mandatos á fronte do Goberno galego pola fórmula de colaboración público-privada, un mecanismo que permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda pública.

Consello de Contas valida a contabilidade electoral de PP, BNG, PSdeG e DO

O Consello de Contas da Galiza deu a coñecer onte o Informe de Fiscalización das contabilidades electorais. Eleccións ao Parlamento de Galicia do 18 de febreiro de 2024, onde analiza a regularidade da contabilidade electoral e o cumprimento dos requisitos previstos no artigo 17 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

O relatorio confirma unha subvención de 1,88 millóns de euros para o Partido Popular, en concepto de gastos electorais, atendendo aos sufraxios e escanos alcanzados nos pasados comicios galegos. Os populares destinaron ao financiamento da campaña 2,1 millóns de euros, dos que 1,1 millóns proceden dun préstamo bancario.

O Bloque Nacionalista Galega destinou á súa campaña electoral 1,02 millóns de euros, dos cales 727.274 proceden de fondos propios da formación e 165.591 de achegas da militancia. Os nacionalistas, que non acudiron a ningún tipo de crédito bancario, reciben de subvencións públicas polos seus resultados electorais 1,02 millóns de euros.

A subvención achegada pola Administración galega ao PSdeG polos votos e escanos obtidos nos comicios do 18 de febreiro fican moi por baixo dos seus gastos electorais. Mentres as axudas públicas aos socialistas quedaron en 791.482 euros, os gastos de campaña ascenden a 2,1 millóns de euros, dos que 700.000 euros proceden dun crédito. Pola súa parte, Democracia Ourensá recibe unha subvención de 65.386 euros.