Eleccións Europeas 9-X

CRÓNICA | O modelo de UE e o papel da Galiza en Bruxelas centraron o debate na CRTVG, emitido en horario de baixa audiencia

Javier Nart (Cs), Francisco Millán Mon (PP), Nicolás Casares (PSOE), Ana Miranda (BNG) e Juan Díaz Villoslada (Sumar). [Foto: Arxina]
A CRTVG emitiu onte o único debate con presenza de candidatos galegos que programou para a campaña electoral do 9-X. Tempo escaso (75 minutos para cinco intervenientes), formato constrinxido e emisión en horario de baixa audiencia para un debate no que se puxeron enriba da mesa máis temas dos previstos polo guión do ente público.

C inco candidaturas interviron onte no debate organizado pola CRTVG sobre as eleccións europeas. Cinco candidaturas cuxa participación fixou o plan de cobertura da campaña elaborado pola compañía pública e no que canda formacións con presenza e representación na Galiza (PP, BNG, PSdeG), engadiu como "grupos políticos significativos" Sumar —por obter representación no Congreso pola Galiza nos comicios estatais de 2023— e Ciudadanos —sen presenza institucional nin pública na Galiza—. A formación laranxa, de feito, enviou ao debate da CRTVG non a un galego (o presidente da xestora de Cs na Galiza, Manuel Moinelo, vai de número 23 na candidatura), senón a Javier Nart, eurodeputado coñecido, entre outras cuestións, polos seus discursos contra o nacionalismo, e nº2 na lista de Ciudadanos ao 9-X.

Francisco Millán Mon (PP), Ana Miranda (BNG), Nicolás González Casares (PSdeG) e Juan Díaz Villoslada (Sumar) completaban a presenza nun debate constrinxido, sen espazo para réplica e contrarréplica e emitido en horario de baixa audiencia, como criticaron Miranda, Casares e Villoslada. Os mesmos, por certo, que empezaron as súas respectivas intervencións cunha lembranza ás máis de 300 semanas de mobilizacións de persoal da CRTVG contra a manipulación e a censura.

Moderaba o debate Alberto Varela, recentemente nomeado xefe de Planificación Informativa da Radio Galega. A CRTVG apostou por catro bloques temáticos como estrutura do debate: transición industrial, enerxética e ecolóxica; o sector primario; o futuro do financiamento europeo na Galiza e Fondos Next Generation; e "os grandes retos" da UE.

Catro apartados

"Temos obriga de descarbonizarnos", abriu fogo Nicolás Casares no primeiro bloque temático, afirmando que "o crecemento ou é sostíbel ou non é". Para Millán Mon, porén, o importante é "ter enerxía a prezos competitivos" e apelou, nun retrouso que o Partido Popular teima en facer 'marca da casa', ao "sentidiño". Un"sentidiño" que ligou a "situar a Galiza na economía do hidróxeno".

Ana Miranda aproveitou para defender unha "transición económica e ambientalmente xusta" para a Galiza, que non pode pasar, aclarou, "por proxectos que depredan o territorio para dar beneficios fóra e a uns poucos", o que vale tanto para Altri como para a "invasión" eólica. O candidato de Sumar, Villoslada, pola súa parte, tamén citou Altri para pólo como o "modelo de reindustrialización" que non precisa a Galiza. Javier Nart, encargado de fechar o primeiro bloque temático, presumiu de levar 10 anos no Parlamento Europeo "e alí, a deus grazas, atopei escasos problemas localistas".

Ana Miranda foi a encargada de inaugurar o segundo apartado, sobre sectores produtivos, e fíxoo cunha defensa do traballo desenvolvido nestes cinco anos polo BNG e para defender que na "pesca e agro", evidénciase con especial nitidez "a necesidade de que a Galiza teña unha voz propia que a defenda". Nart, pola súa parte, seguiu ao seu. "En Bruxelas esta sobreactuación non existe, alí lóitase polos intereses comúns, españois". E, como ramo, mencionou o lobo. "Estou farto de ecoloxistas de pandeireta, temos unha magnitude de lobos que só lle gustan aos urbanitas".

O representante do PSdeG acusou o PP de "deixar sen gastar seis de cada 10 euros dos fondos de pesca" para a Galiza e dixo que o seu compromiso en Bruxelas é "facer Galiza desde Europa". Millán Mon aseverou que o PP "sempre defendeu os intereses galegos" en pesca e agro e afirmou que o seu partido é firme na "loita contra a deriva do ambientalismo radical". Villoslada subliñou a importancia da pesca e o agro na Galiza e apuntou á necesidade da eólica, "tamén mariña", iso si, da man do consenso co sector.

Cada bloque despachábase en apenas 15 minutos e sen réplicas nin debates entre os participantes, consecuencia dun formato no que o moderador semellaba ter gañas de que todo rematase canto antes. O apartado do financiamento europeo para a Galiza ficou apenas en falar dos Next Generation. Para Millán Mon, uns fondos excesivamente "centralizados" polo Executivo estatal. Para Nicolás González, hai fondos "grazas a que o Goberno español os pelexou". O candidato de Sumar aplaudiu o modelo de UE após a Covid-19 ("estímulo fiscal, fondos para promover a economía") fronte ao modelo para a crise de 2008 ("axuste fiscal duro, troika e recortes"). Pola súa parte, a candidata do BNG incidiu na importancia de que os fondos vaian a "emprego, economía, comunicacións, rexenerar rías" e puxo en valor o traballo do BNG nese campo.

O último bloque ("os grandes retos da UE") arrancou cunha afirmación rotunda de Javier Nart: en Bruxelas "socialistas, conservadores e liberais temos acordos continuamente; e iso funciona, o resto son contos". Ana Miranda reclamou unha Europa "social", mostrouse "preocupada" polo avanzo da extrema dereita e meteu no debate "o xenocidio en Palestina". Millán Mon quixo falar neste apartado de vivenda, afirmando que "se alguén ten compromiso coa vivenda somos nós" e arrancou os risos dos seus compañeiros de debate. Villoslada apelou a traballar "por unha maior democratización da gobernanza europea" mentres que Nicolás Casares acusou o PP "de ser os pagafantas dos fachas".

Minuto de ouro

O minuto de ouro que puxo o ramo ao debate non trouxo sorpresas. Cada candidato aproveitou para resumir o eixo da súa campaña. Villoslada pediu o voto para "unha Europa máis xusta"; Nicolás Casares chamou a elixir "entre dereitas e dereitos"; Millán Mon dixo que "nós non imos con Bildu" e que o 9-X tamén ía de "responder a Pedro Sánchez". Ana Miranda sinalou que o 9 de xuño vai de escoller entre dúas formas de pensar a Galiza ("a centrada na realidade galega e a das liortas en Madrid") e Javier Nart concluíu que en Bruxelas "traballamos moi ben xuntos socialistas, PP e Ciudadanos, que somos o eixo da UE".