Alberte Fernández Silva, novo secretario xeral de Galiza Nova

"Moita xente entre os 15 e os 19 anos está a ollar para nós"

É licenciado en Xeografía e Historia, ten 24 anos e é o novo secretario xeral de Galiza Nova. Alberte Fernández Silva fala connosco na entrevista política do Sermos225. Eis un avanzo da conversa. VÍDEO NO INTERIOR.

Foche eleito novo secretario xeral de Galiza Nova co 98,5 por cento dos votos da asemblea. Con que obxectivo enfrentas o teu mandato tendo en conta o amplo respaldo do que dispós?

O obxectivo é principalmente facer unha Galiza Nova máis forte e máis útil para a mocidade galega. Que estea aínda máis en contacto cos problemas e cos intereses da mocidade e que, bon, aporte solucións desde o ideario nacionalista, que é onde se atopan todas as que poden vir a resolver os seus problemas.

É  unha evidencia que nos últimos anos o nacionalismo foi perdendo pé, foi perdendo certa conexión, na mocidade galega. A que o atribúes?

Serían moitos os factores. O nacionalismo perdeu pé en moitos sectores distintos, vivimos unha etapa moi complicada durante estes últimos anos, acabamos de saír da maior crise do nacionalismo... mais eu non me centraría agora mesmo en que estamos a perder incidencia na mocidade, senón en que a estamos a recuperar. Vimos dunha Asemblea Nacional con máis participación do que a anterior e, sobre todo, vimos dunha Asemblea Nacional cunha media de idade moi renovada. A maioría da nosa militancia actualmente está na franxa entre os 15 e os 19 anos, o cal nos dá unha marxe de traballo moi importante, con xente moi nova que cada vez está a mirar máis para nós.

A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos225, disponíbel xa nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.