Movementos de confluencia 'cidadanista' cara ás municipais

'Somos Maioría' opta por confluír coas marés, Anova reflexiona sobre estes movementos cidadáns na súa asemblea deliberativa e xa hai un encontro de 'marés municipalista' con cita o 4 de outubro. 

 

Fin de semana de fervello político: continuación de asembleas abertas do BNG, asemblea deliberativa de Anova, referendo telemático de ‘Somos Maioría’, comunicados desde marés como as da Coruña... A cita coas municipais marca un horizonte próximo ante o cal se moven as diferentes fichas do taboeiro. Unha mostra do fervello social que abrolla en Galiza.

Somos Maioría’ decidiu por unha contundente maioría apostar por percorrer un camiño de confluencia coas mareas cidadás. Máis do 60% dos asinantes deste manifesto no que se pulaba por artellar un movemento amplo de esquerdas e en chave galega para as municipais, tomaron parte nesta consulta. E case un 96 por cento queren confluír con movementos cidadás análogos.

Escoitar a tod@s

Tamén nesta fin de semana decorreu a asemblea deliberativa de Anova, fase previa á asemblea nacional (11, 12 outubro) para debater, falar e escoitar con protagonismo de militancia e simpatizantes. Debulláronse diferentes cuestións, desde o eido organizativo ao ideolóxico. Fíxose unha aposta por “sumar” e non “restar” en chave de achegas cidadás. O debate foi moito máis amplo, abarcando mesmo a posibilidade dunha poli-portavocía en Anova que fixese que este posto non fose exercido exclusivamente por X.M. Beiras.

Cita municipalista

Marea Atlántica fixo un chamamento a tomar parte este sábado, 4 de outubro, de 11.30 a 18.00 horas, nun lugar por determinar na cidade da Coruña; a unha “maré municipalista” de diálogo, intercambio e traballo entre os diferentes proxectos e iniciativas que agroman en Galiza. “O horizonte que se abre está cheo de elementos para a esperanza e evidencia que o desexo de recuperar o poder municipal para a xente está en marcha. Con todo, o escenario introduce tamén desafíos e preocupacións que debemos abordar colectivamente, de forma honesta e transparente”