MANIFESTACIÓN

Unha multitude chama “presidente” a Pablo Iglesias no centro de Madrid

Podemos fai unha demostración de forza e saca a milleiros de persoas á rúa, nunha marcha que Errejón afirma que “ten como seguinte estación A Moncloa”.

 

Decenas de miles de persoas (algunhas fontes do partido falaron de 150.000) secundaron a manifestación que convocou Podemos en Madrid, que resultou un éxito que a nova formación converteu no primeiro acto electoral dun ano cheo de citas coas urnas que a forza política que lidera Pablo Iglesias -aclamado a berros de “presidente”- cre que pode rematar co seu ascenso ao poder no Estado español.

"Os dos recortes son os que rompen España", dixo Pablo Iglesias

Sol, o simbólico espazo do 15-M madrileño, ateigouse de xente chegada de diversos puntos nunha marcha na que foron moi visíbeis as bandeiras españolas republicanas, e tamén algunha oficial, así como estrelas vermellas e bastante simboloxía de esquerdas malia que a formación rexeita esa identificación ideolóxica. Tamén houbo moitas bandeiras gregas e berros de “Pódese”.

O número 3 de Podemos, Iñigo Errejón, afirmou antes de comezar a manifestación que “a próxima estación será A Moncloa”, deixando claro o carácter electoral da cita, denominada Marcha polo Cambio. O máis aplaudido foi Pablo Iglesias, o líder da forza política, que tomou a palabra lembrando o 2 de Maio madrileño e acusou “aos que impoñen recortes” de ser “quen rompe España”.

“O momento é agora”, dixo Iglesias, que abondou na idea de abandeirar aos “de abaixo” e sinalou a Rajoy como adversario nas urnas. Tamén denunciou que “o salario mínimo non garante unha vida digna” e dixo “soñar cun país no que ninguén estea sen teito”. “Xogámonos a democracia”, engadiu o líder de Podemos, que pediu “máis Quixotes porque a nosa patria non é unha marca”. “O pobo unido xamais será vencido”, foi a consigna coreada ao remate do acto.