PRESIDENTE DO PG, CANDIDATO áS PRIMARIAS DE NóS

“Na transición Galiza pagou caro non ter grupo parlamentar. Hai que evitar que volva pasar o 20-D”

Xesús Manuel Suarez

Xesús Manuel Suárez defende a aposta en Nós-Candidatura galega como “unha prioridade” perante a “situación de emerxencia na que se atopa o país”.

 

Presidente do Partido Galeguista desde 2008, Xesús Manuel Suárez (Compostela, 1955) presentou a súa candidatura nas primarias de Iniciativa pola Unión a facer parte da lista ao Congreso dos Deputados por Ourense. Médico, defende o paso dado como “un compromiso” nuns momentos nos que o país “estase a xogar moito”.

- Por que decidiu o Partido Galeguista participar na plataforma Iniciativa pola Unión e na conformación da candidatura Nós-Candidatura galega?

- Antes das pasadas eleccións municipais no PG estabamos nun proceso de debate no que destacabamos que Galiza estaba nunha vaga de cambios importantes, profundos, que estabamos nun escenario que implicaba unha revisión das relacións de Galiza con España e que o país achábase nunha situación de emerxencia. Eramos conscientes do risco de que Galiza ficase descolgada. E cando estabamos nese debate agromou a iniciativa que foi Iniciativa pola Unión, o que vimos con moi bos ollos. Para min, é unha cuestión de prioridades. Claro que teño diferenzas e discrepancias con moita xente e organizacións que están en IpU! Mais o importante, Galiza, únenos.

- E por que decidiu presentarse como candidato nas primarias?

Non podo embarcar os demaisáis neste proxecto e eu non dar o paso (ir). Se entendo que é un momento histório, trascendental, teño que dar o paso adiante e achegar o que eu entendo que pode ser importante. Non esquezamos que a política é un exercicio de responsabilidade social.

“En IpU hai diferenzas mais tiramos na mesma dirección, mantendo o que dixemos desde un principio, algo que non fixeron outros”

- E que entende que a súa presenza pode achegar para enriquecer a candidatura?

Creo que algunhas (ir). Son médico, non vivo da política nin quere ser un profersional dela. Creo que podo axudar a que a política se abra neste sentido. Tamén acredito no protagonismo da cidadanía, o deputado eleito debe responder ante os cidadáns antes que fronte á súa organización.

O nacionalismo ten restrinxido o seu discurso e o seu electorado á esquerda. Mais nestes momentos, por mor da urxencia que vivimos, hai que facer unha oferta de país, non só para a esquerda senón tamén para aqueles que non se ubican nela, tanén para o empresariado. Entendo que podo axudar a abrir o abano do nacionalismo a un espectro social máis amplo.

E, por último, achegamos a esta candidatura a continuidade coa liña defendida polos galeguistas desde 1931.

- Como valora este proceso de primarias?

É moi interesante e produtivo. Houbo máis forzas que dixeron que as ían facer mais finalmente apostaron nos pactos entre cúpulas, non é? As primarias son un paso positivo, mais hai que procurar máis canles para que a xente vexa que este proxecto é o seu, que participe, que se anime. En IpU hai diferenzas mais tiramos na mesma dirección, mantendo o que dixemos desde un principio, algo que non fixeron outros.

“Nas eleccións do 20-D Galiza xógase moito máis do que pensamos”

- Que se xoga Galiza nas eleccións deste 20-D?

Pois xógase moito máis do que pensamos. Somos unha nación, un país ben definido e cunha identidade clara. Mais iso non ten unha translación política. Na lexislatura que se vai abrir o 20-D todo aponta a que vai haber unha reforma da Constitución e cambios territoriais importantes. Na transición Galiza non tiña un grupo parlamentar propio e xa comprobamos a que levou aquello. Hai que evitar que o 20-D volva pasar o mesmo. E a única candidatura 100% galega, que é do país e para defender o país, é Nós-Candidatura Galega.