ÁNGEL SáNCHEZ TALLóN, NOVO LÍDER DA MNG

‘’O nacionalismo ten que recuperar a conexión directa coa mocidade”

Ángel Sánchez Tallón é o novo secretario xeral da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), o referente xuvenil de Compromiso por Galicia. “A política actual está a mudar, e aí debemos actuar”, sostén.

 

Ángel Sánchez Tallón é o novo secretario xeral da MNG, cargo para o que foi eleito na II Asemblea Nacional que esta organización xuvenil realizou este mes de setembro en Compostela sob o lema ‘O xérmolo dunha mocidade comprometida’. Mestre de primaria e adestrador de voleiboi, Ángel Sánchez comezou a súa implicación política en Galiza Nova, mais afastouse da organización para posteriormente volver ‘engancharse’ á política “cando as e os compañeiros” cos que sintonizaba abandonaron o BNG. Aposta en “estar a carón dos problemas da mocidade” para artellar respostas e propostas, á vez que considera clave “pular para que a xuventude se implique”.

Cales van ser as prioridades como secretario xeral para MNG?

Os obxectivos son os fixados na Asemblea Nacional e que poderiamos resumir en catro puntos: o primeiro, intentar aumentar a filiación da mocidade. Consideramos que a MNG é un proxecto sólido e de futuro para Galiza e esa é a mensaxe que queremos trasladar á mocidade. Outra das prioridades que nos marcamos é a da transparencia, que entendemos como algo fundamental nunha organización política. Ter unhas finanzas solventes tamén é outro dos nosos obxectivos, así como o da formación, que vai ser un dos motores importantes na MNG.

No discurso da II AN referícheste á necesidade de “estar a carón dos problemas da mocidade”. Cales son eses problemas e cales son as propostas da MNG ao respeito?

O principal problema é o desemprego, a taxa de paro extremadamente elevada. A Xunta ten que poñer énfase na creación de emprego e de calidade, con especial atención á mocidade, e deixarse de tentar vendernos eufemismos. E ten marxe para actuar, para investir recursos en crear traballo, para activar programas, como crear viveiros de empresas para mozos e mozas...

Outra cuestión que entendemos importante é, por exemplo, o das bolsas universitarias, onde xa o ano pasado fixemos unha campaña na Universidade de Compostela na que se recolleron 2.000 sinaturas en demanda de modificar os prazos da matrícula.

"MNG é un proxecto sólido e de futuro para Galiza e esa é a mensaxe que queremos trasladar á mocidade"

MNG é unha organización que se define nacionalista, galeguista. Como consideras que debería ser o nacionalismo galego? Que entendes que lle falta e que lle sobra?

A mocidade galega non ve a necesidade dunha organización política propia que defenda os seus dereitos. Creo que o nacionalismo ten un problema de conexión coa mocidade, que temos que recuperar esa conexión. Debemos pular porque a mocidade se interese pola política e polo que lle acontece. A política actual está a mudar e aí demos estar, debemos actuar...

Falabas antes das municipais como unha oportunidade para dar a coñecer as propostas de MNG e CxG, incrementar a miliancia... que opinas das marés e propostas cidadás que nacen en diferentes puntos do país para as municipais?

Persoalmente creo que non se poden equiparar todos os movementos que están a xurdir. Hai sitios onde estas iniciativas nacen da propia cidadanía, de entre a poboación, mais hai outros lugares onde están promovidas por organizacións políticas. Vexo as primeiras como algo, por dicilo dalgunha maneira, máis ‘autorizadas’ porque responden a unha demanda da propia cidadanía.

"Creo que as municipais van ser as eleccións nas que Compromiso irrompa con forza no panorama político galego"

Eu, persoalmente, advogo por que nas municipais Compromiso por Galicia se presente coa súa propia marca alí onde poida, sen que isto signifique pechar a porta a coligazóns e alianzas...

E como ves a Compromiso por Galicia?

Os inicios sempre son difíciles. É un partido con vocación de partido nacional e é a organización que Galiza precisa. A estrutura organizativa cada vez é máis sólida, aumentando en afiliados e en agrupacións locais. Considero que as municipais van ser as eleccións nas que Compromiso irrompa con forza no panorama político galego.