Irritación nas mocidades do PSOE ao non poderen tomar parte nas primarias municipais

PSOE

Enfado entre @s moz@s do PSOE, que polo regulamento acordado pola formación en Ferraz non terán dereito a voto nas primarias para as municipais a pesar de que a formación presume de "proceso aberto".

Os afiliados ás Xuventudes Socialistas, tamén en Galiza, non poderán participar nas primarias para elixir candidat@s do partido ás eleccións municipais, xa que así se decidiu no regulamento aprobado este sábado polo Comité Federal do partido en Ferraz, co apoio de Gómez Besteiro e o PSdeG e que xa ten provocado bastante enfado nas bases máis novas, que cren que a medida nega o discurso sobre "democracia" e "apertura" que manexa a dirección, agora encabezada por Pedro Sánchez e que cada vez ofrece máis xestos de buscar acordos co PP.

Segundo informaron fontes socialistas, os membros da organización xuvenil do PSOE si poderán participar nas primarias para elixir candidatos ás autonómicas, alí onde se celebren que non é o caso galego, pero non nos procesos para os concellos. Deste xeito, os mozos só poderán votar nas primarias municipais se ademais de pertencer a XX.SS están afiliados ao PSOE.

O Comité Federal do PSOE apoiou este sábado a decisión da dirección de que as primarias municipais sexan exclusivas para @s militantes, mentres que no caso das autonómicas poderán ser abertas aos simpatizantes si así o deciden as direccións correspondentes.