RESPOSTA DE ANA MIRANDA E ADOLFO MUÍÑOS A CAROLINA BESCANSA (PODEMOS)

A nazón descastada

A portavoz do BNG no Parlamento Europeo e o alcalde nacionalista de Rianxo -Ana Miranda e Adolfo Muíños- dirixen unha carta a Carolina Bescansa en resposta a unhas recentes declaracións da dirixente de Podemos á edición galega de El País.

 

Estimada Carolina

Decidimos enviarche esta carta despois de ler a entrevista publicada a semana pasada na edición galega do xornal El País.

Somos dous cidadáns galegos. Somos, ao mesmo militantes dunha organización política galega nacionalista e de esquerdas como é o BNG, que ti coñeces sen dúbida. Adolfo é alcalde na vila de Rianxo e Ana é a representante do BNG no Parlamento Europeo. Somos xente do noso País, como ti defines cando falas de Galiza. Sabemos da túa traxectoria no mundo da investigación politolóxica e con todo o respeito e nengunha acritude, queremos transmitirte unhas consideracións constructiva e positivamente.

O sábado 27 de decembro coincidimos ambos en Rianxo nunha das moitísimas xuntanzas que estamos tendo nos últimos meses por un problema que lle pode sacar o pan a moitos mariñeros da arte pesqueira do xeito. E sabes por que estabamos aqui? Porque hai unha proposta europea que pode prohibir as artes de deriva incluido o ancestral arte do xeito que é unha arte sustentable medio ambientalmente e que fai que moitas familias da costa galega poidan pagar as facturas de cada día. E sabes tamén por que estamos con este sector que pode perder o sustento de moitas familias? Porque o Goberno galego, ese goberno do irracional e inxusto PP que todos criticamos pasou e pasa deles e non defende os intereses pesqueiros galegos, nen aquí nen a nivel estatal nen a nivel europeo. Por iso estabamos alí, a pé de ría, a pé de porto, a pé das protestas desta xente humilde e traballadora, porque se non ninguén os defendería. No noso caso pola falla de peso político de Galiza e a súa renuncia a ser por parte dos dirixentes leva a que Madrid e Bruxelas, mesmo desde o goberno popular galego, prohiban pescar sardiña nas nosas rías. Se tiveran esa consciencia de país impedirían que outros lexislasen sobre as augas interiores e protexerían a pesca artesanal. Mais non é só o caso da pesca, o sector naval, o sector agrogandeiro co escandaloso prezo do leite, facendo a vista gorda diante de práticas de dumping empresarial nos supermercados vendendo o cartón de leite por baixo do seu valor de produción, malia ser un país productor de leite. Que decirche dun sector estratéxico como o naval que no caso de Vigo e Ferrol, pola deixadez dos gobernos de alternancia bipartidista para calar diante dun inxuto veto, ou priorizando outras nacións e territorios, deixa a milleiros de persoas desas comarcas sen traballo. E isto, que é preocuparse de que é Galiza, é preocuparse do pan tamén. Para nós, a idea de Galiza está ligada ao pan, ao traballo, a defensa dos recursos naturais, á xustiza social e á igualdade. Nós pensamos, a diferenza da túa opinión transmitida no xornal, que defender Galiza é defender traballo, pan, vivenda e sobre todo, dignidade.

 Nós pensamos, a diferenza da túa opinión transmitida no xornal, que defender Galiza é defender traballo, pan, vivenda e sobre todo, dignidade

E non falamos por falar nen por parecer presuntuosos de que temos a razón ou a verdade. Falamos dende a experiencia vivida, vivida e contrastada dende hai moito tempo. De estar a carón da xente, facendo moitos kilómetros na nosa nazón, cos pés na terra, nas folgas e manifestacións, nas demandas de liberdade, na loita antifranquista dun par de xeracións, na defensa da industria e o traballo, na defensa das explotacións agrarias nunha terra altamente produtiva que ve como van perdendo peso pola deixadez de gobernos galegos que non defenden o seu e gobernos estatais que nos ignoran unha e outra vez, de clamar repetidamente pola necesidade de investimento na economía produtiva e non na especulativa. Non somos unha anécdota que se queixa diante dunha opinión que consideramos controvertida, senón que transmitimos unha opinión común que pensou moita xente despois de ler a túa entrevista, e no canto de calar ou verquer comentarios nas redes, pensamos que era máis constructivo trasladar unha opinión que toca un sentir nacional, porque a idea de Nazón, na Galiza, está íntimamente ligada á supervivencia como país, e á supervivencia das persoas que viven aquí. Non é unha demanda nominal, senín chea de contido, de historia, e de defender o que consideramos que é xusto, pola falla de competencias políticas, pola ausencia consciente destes Gobernos corruptos de gobernar para as mulleres e homes desta terra, que é rica, moi rica máis altamente empobrecida por políticas que obrigan o desterro da nosa mocidade, como no pasado. Sabes que Galiza é un País productor de enerxía. Pois poucos beneficios deixa aquí, mentras se exporta a prezos de ouro e reverte nesas multinacionais de portas xiratorias dos bipartididmos.

Por último, gostarianos que repares que a mensaxe do teu titular é similar a de Rajoy para o problema de Catalunya. Coincidides: Vamos a dedicarnos a lo que importa a todos, la economía. (El Pais. 12 Nov. 2014). Preocuparse do pan, non do encaixe de Catalunya. E se a raíz do problema está aí precisamente?

Convidámoste a que penses nesta idea. Defender Galiza é defender pan, terra, traballo e vida. Polo menos, eso é o que nós e a nosa xente pensa dende Ortegal ao Miño.

Un cordial saúdo.