OFENSIVA CONTRA OS DEREITOS E AS LIBERDADES PÚBLICAS

‘’No Parlamento de Galiza recortan a democracia e a liberdade de expresión’’

BNG e AGE protestaron no inicio da sesión do Parlamento contra o acordo de PP e PSdeG que, denuncian, boicotea a capacidade de facer oposición e ‘blinda’ o bipartidismo. @s deputad@s do Bloque concentráronse ás pórtas da Cámara galega.

 

Os e as deputadas do BNG concentráronse nas portas do parlamento coa boca amordazada e uns cartaces nos que se lía a lenda “No Parlamento de Galiza recortan a democracia e a liberdade de expresión”. Era a protesta visíbel coa que a fronte nacionalista quería denunciar o pacto atinxido entre PPdeG e PSdeG polo que se limitaban e recortaban as iniciativas e intervencións de BNG e AGE.

Xa iniciada a sesión parlamentar, o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, solicitou a palabra á presidenta da Mesa para pedir, tamén no nome de AGE, que se recollese en acta o desacordo co pacto de PP e PSdeG, e mesmo que este non era legal e vulneraba “a pluralidade desta Cámara”. Jorquera anunciou que ambas formacións estaban dispostas a recorrer a vías legais. Pilar Rojo optou polo ‘iso non toca’ e negouse a incluír esa protesta. Tamén lle retirou a palabra a Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE, cando este quería pronunciarse sobre este tema. Beiras abandonou a Cámara.

Que está en xogo?

En conversa con Sermos Galiza, o portavoz do BNG e a co-portavoz de AGE, Francisco Jorquera e Yolanda Díaz, coincidían en situar o pacto de populares e socialistas nunha manobra para “blindar” o bipartidismo e tirar marxe de actuación no parlamento a Bloque e Alternativa. "Nun momento en que ese bipartidismo está máis cuestionado que nunca eles deciden blindalo, evitando que haxa unha oposición real na Cámara galega", dixo Jorquera. E Yolanda Díaz denunciou que "botan man de fórmulas ‘trileras’ para tentar calar os grupos que no Parlamento máis reflectimos a voz da rúa".